Miña nai

BARBANZA

Mundo Cactus O Rosal

Moitas veces para escribir nesta liñas escoller as palabras resulta sinxelo, practimente automático, pero hoxe non será o día

20 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Moitas veces para escribir nesta liñas escoller as palabras resulta sinxelo, practimente automático, pero hoxe non será o día.

As dificultades que supón para min medir o que digo non se achegan nin de preto ás que houbo que pasar durante anos, moitas delas en segredo para que o pequeno da casa seguise desfrutando dende a súa inocencia. Non se aproximan, nin por asomo, aos esforzos de toda unha vida que hoxe se ven recompensados en cada sorriso da mañá. Tampouco ás ensinanzas desinteresadas que día a día un se leva para a cama e que na maioría das ocasións non sabe agradecer.

A vida é para mirala aos ollos. Sen deixar que che amedrente con perigos que quizais nunca cheguen a petar á porta. É para bailar na cociña sen motivo e para cantar desafinando sen que importe o máis mínimo quen escoite. Tamén é para dicir as cousas polo seu nome e para non agochar a cabeza pase o que pase.

A rutina e o estrés fanse máis lixeiros ao escoitar a dozura nada máis entrar pola porta. Ao percibir que a esquina máis fría e escura se converte nun fogar sen cheminea, pero sempre cun doce na neveira. Lévase mellor cando nunca falta unha anécdota que contar con toda a ilusión e intensidade que pode caber en alguén.

A un nada lle produce máis orgullo que os seus orixes. Que en todas as fotos, nos albumes e en cada unhas lembranzas que mantén nunca se atope só. Sempre houbo un anxo mirando porque todo fose ben. Por iso, e polas palabras que non saen nin sairán nunca, simplemente queda dicir: Felicidades, miña nai.