
A min, esa frase fixo que se me detivese o tempo. O certo é que baixar a botar unha pachanga nunca fora tan transcendental
22 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Dentro do rutineiro sempre aparecen elementos rompedores para darlles unha volta. A min ocorreume fará unha semana en Barraña, no berce do volei praia do Barbanza. Estabamos os de sempre, os que esquivan o mar para xogar co balón, montando a rede e mantiñamos a clásica conversa vaga que nunca leva a ningún lado.
De repente, alguén lembrou épocas pretéritas nas que o areal estaba ateigado de mozos ilusionados que se congregaban para colocar as liñas do campo e adestrar sen moito máis obxectivo que pasar a tarde. Nese intre, un dos veteranos que viviu eses tempos e que mantén intacta a paixón espetou: «Algún día será o último».
A min, esa frase fixo que se me detivese o tempo. O certo é que baixar a botar unha pachanga nunca fora tan transcendental. Non durou moito, pero pola cabeza pasáronseme mil escenarios. Nunca imaxinara que podería existir unha última tarde de volei. Non cavilara na posibilidade de que o tempo, o contexto ou a vida impedisen que fixeramos algo que levamos facendo dende que temos recordo.
Tamén me viñeron á cabeza as relacións que establecemos, a xente que queremos ou o lugar no que vivimos. Algún día será o último no que demos unha aperta ou o derradeiro no que nos sentemos nunha terraza a ver o tránsito dos veciños e a divagar de calquera tema de actualidade.
Despois do meu parón de un minuto para a reflexión, volvín en min e rematei de montar. As clases de volei desa tarde aos meus amigos non llas cobrei, como de costume, pero esta vez porque non sabía se ía ser o último día.