Setembro

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Imagen de archivo de la playa de A Lanzada en septiembre, mucho menos concurrida.
Imagen de archivo de la playa de A Lanzada en septiembre, mucho menos concurrida. MARTINA MISER

O corpo pídeche un pouquiño máis de sol e a pel aínda está quente; parece que os pantalóns longos e as camisas non dan entrado aínda que non colleras ningún quilo de máis

04 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunca sei moi ben como considerar o mes de setembro. Segue a ter algunhas molestias do verán (traballar con calor, por exemplo) e algunhas carencias para outubro e novembro (aínda non temos a luz dourada, as cores pardas do campo e os pratos de caza). O corpo pídeche un pouquiño máis de sol e a pel aínda está quente; parece que os pantalóns longos e as camisas non dan entrado aínda que non colleras ningún quilo de máis. Máis ben non queren pasar para dentro, coma os nenos nos mellores días da praia.

A incorporación ao mundo laboral nesta semana significa tamén unha serie de eleccións: chamo a toda a xente coa que teño asuntos pendentes o primeiro día, ou vou escalando gradualmente as chamadas para non parecer un ansioso? Os profesores universitarios temos tamén aínda outra complicación: as clases comezan na segunda semana de setembro, así que esta primeira hai que empregala apurando todo para ter as materias brillantes e relucentes para o inicio do curso.

Estamos nun si e nun non. Nun aínda podemos quedar e vernos, nun marcharon os amigos pero aínda faltan as festas do Nazareno e a Guadalupe, iremos á praia ou xa refrescará, xa se lle nota aos días, debo rematar un informe pero o corpo chama polo chiringuito, que me poño se a primeira hora vai fresco e logo non se para da calor ao mediodía.

Para os que ás veces nos deixamos arrastrar pola indecisión, setembro é un mes tan incómodo coma o Nadal para os veganos. Habemos sacalo adiante, si. Pero que ben o esqueceremos cando chegue outubro.