Volvemos das vacacións apurados polos restos das rebaixas que nos axudarán a recuperar a economía que esfolamos durante un verán de festas e dispendios, dispostos a percorrer as rúas peonís, onde demorar diante dos escaparates para escoller o necesario de cara ó inverno.
Isto das rúas peonís parece cousa da modernidade, pero xa é de vello que as normas e os costumes se adapten ás necesidades de comerciantes e compradores. E con eles compiten os centros comerciais, deseñados para que camiñes devagar, sen présas e sen semáforos, entre trinques ben iluminados e altofalantes que nos atraen coas sedutoras voces dalgunha regateira anunciando o seu produto, a imaxe e semellanza dos antigos campos da feira dos que só nos diferenciamos pola vestimenta e pouco máis.
Talvez, a grande diferenza entre as rúas peonís e os centros comerciais está en que nas primeiras están os pequenos comerciantes da nosa vila, os veciños con quen aconsellarse, con quen se ten unha maior proximidade. Os centros comerciais, como di Xulio, son outra cousa. Algo máis distante e polo xeral alleos o barrio.
O amigo Xulio tamén ten a experiencia de percorrer estradas e sempre nos lembra que entre a súa vivenda habitual e a casa paterna, pode recomendar os mellores lugares de descanso sen necesidade de desviarse da rota, sempre fuxindo da autoestrada, contra a que os alcaldes e tendeiros das vilas por onde pasa protestaban porque lles quitaban clientes. A súa experiencia está abalada por máis de cincuenta anos entre unha e outra casa. Xulio dinos que os camiños abren portas, por iso fuxe das vías rápidas e só colle a autoestrada en momentos puntuais. E tamén por iso sabe onde parar a tomar un café, xantar, merendar ou cear segundo lle toque, onde mercar o queique de Ordes, os grelos de Oroso ou os pementos de Padrón. Onde tomar un bo churrasco ou unha ración de polbo andando por estes vieiros de concordia.
Fóra da autoestrada está o camiño aberto, como debeu ser o que noutro tempo percorría o sur de Ourense unindo as aldeas do histórico Couto Mixto, entre Galiza e Portugal, polo chamado Camiño Privilexiado, unha vía comercial duns 11 quilómetros de largo, ben sinalado a través do que se podía comerciar libremente. O Couto era toda unha república de tendeiros, que se ben algún día dependeu das casas de Braganza, de Lemos ou Monterrei, no século XIX rexíase por tres homes de Acordo, cada un veciño dunha das poboacións que o formaban, e cada un posuidor dunha das tres chaves da arca onde se gardaban os documentos que dispoñían e rexían as súas leis, ata que no 1868, dende España e Portugal, decidiron rematar con tantos privilexios, limitándolles o comercio do café, aceite, azucre, sal e tabaco; quitóuselles a dispensa do servizo militar, o dereito de asilo e a liberdade comercial pola que se rexían.
Antes de tal data a ninguén lle importaba que se fixese aquel pequeno comercio de subsistencia, pero cando o café e o tabaco circulaban polos camiños do Couto competindo cos exportadores das colonias, foi cando lle puxeron freo, non fose ser que aquel lugar de pobre produción agrícola se convertese nun dos precursores dos grandes centros comerciais de hoxe en día, coa diferenza de que aqueles fornecían e estoutros afogan ós pequenos comercios vilegos.