Se Manuel Ayaso espertase do seu soño eterno quedaría «arremallado» dos eventos que organizan na súa memoria. Un acto no camposanto nun serán de choiva e frío e unha exposición denominada Ayaso único. Retrospectiva dun xenio, inaugurada un sábado pola mañá, sen apenas asistencia de convidados e sen a magnificencia artística que reclama este creador.
A súa figura ben merece un tratamento acorde coas súas categorías humana e artística. Vive xa noutro hemisferio, tal como expresa Alfonso Costa, outro mestre de enorme traxectoria. A que vén, entón, esa mirada de agro pequeno que o Concello de Ribeira está tendo co noso artista? A que se debe esta profusión de eventos minifundistas nos que se expón unha parte da súa obra nunha sala, escasa de espazo, tendo o Museo do Gravado onde cabería unha antolóxica sen problema? O alcalde, debería pensalo. A dignidade do exercicio político obriga a renderlle homenaxe a un fillo predilecto recoñecido.
Os gobernos comprometidos co benestar da súa cidadanía desenvolven movementos culturais para facela máis libre, máis consciente e máis feliz, promovendo valores e principios. Onde está o modelo cultural desta corporación? Quen o dirixe? Uns xestores culturais-funcionarios ou un goberno con ideas claras? Entendemos que o goberno. Os funcionarios deben cumprir o que este lle ordene sen ningún personalismo. Pero para iso débese contar cun programa de acción innovador, con orzamento, que coloque a Ribeira máis aló do seu límite xeográfico.
En canto a Manuel Ayaso, a súa obra está por riba de vicisitudes institucionais e familiares, de estados de saúde dos seus membros e do que rodea a condición humana. El xa transcendeu destas vaidades deixándonos un traballo magno, independentemente de calquera decisión que tomen os seus achegados con respecto a súa obra e, inclusive, se cumpren ou non o prometido coas institucións. É responsabilidade destas responder á xenerosidade do mestre e tratalo en xusta correspondencia por formar parte dun patrimonio común, que vai máis aló de mentalidades curtopracistas ou con intereses, única e exclusivamente, crematísticos.
Se se falou de crear unha fundación pública onde o Concello forme parte do padroado, non se dilate máis a súa posta en marcha e aproveitar o tempo para chegar a acordos coa familia. E esta debe deixarse asesorar por especialistas en mecenado e cumprir o que Ayaso certificou pública e privadamente: doar parte da súa obra ao Concello. Se non o fai é abandono. Sabemos do interese da corporación municipal na súa posta en marcha, entón, que actúen os testamenteiros do finado e o fagan con xenerosidade, se desexan que o artista transcenda.
Estúdese un plan. Cóntese con expertos. Fálese de cátedras en colaboración con universidades, de talleres dirixidos por artistas recoñecidos. Amplíese o premio de gravado que leva o seu nome. Propóñase que a súa obra poida exhibirse noutros museos. Só así se sairá desta parálise. E, se non, saberemos quen está poñendo paus nas rodas para que nada se faga.