O valor das cousas

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Imagen de un niño regando un huerto
Imagen de un niño regando un huerto

11 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O arrefriamento das temperaturas para os vindeiros días fai pensar que se acabou o que se daba e que eses pequenos paraísos que temos cabo da casa e que ofrecen tomates, pementos e o que faga falta rematarán. Con razón, no Renacemento, aos xardíns se lle chamaban hortas. E aínda que eu nunca lle digo non a un xardín inglés ou italiano ou mesmo a un xeométrico francés, as hortas ben coidadas teñen o encanto da felicidade familiar.

Hoxe en día non é doado de saber canto de ornamental e canto de alimenticio tiñan aquelas hortas dos pazos renacentistas, pero a xulgar polos propios textos, a beleza do xardín estaba no tamaño dos repolos, a felicidade das fabas, os arrecendos das plantas para condimentar como a alfábega e no son calmo da fonte.

Botando contas decatabámonos de que preparar unha horta, desde o punto de vista económico, é un negocio ruinoso: sairíanos moito máis a conta mercar o equivalente na mellor verdura no mercado e con moitas menos preocupacións. Pero ningún tomate sabe coma os propios e non hai maior felicidade que catar as novas variedades de pementos que traen na agraria. As penas dos bichocos e das toupas compénsanse coas cabaciñas e as berenxenas que medran ata tamaños obscenos.

A horta é un exemplo magnífico de como os seres humanos construímos o valor das cousas alén dos custes de produción. Posiblemente nunca pagariamos 100 euros por un quilo dos nosos propios tomates. Pero tamén nunca atoparemos tomates de 100 euros o quilo que saiban tan ben coma os nosos.