Penedos sagrados

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Penedo do Monxe, en la subida a la Picaraña, en Ponteareas
Penedo do Monxe, en la subida a la Picaraña, en Ponteareas www.galiciamaxica.eu

As grandes pedras que coroan os montes galegos son moito máis que patrimonio natural

17 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

As grandes pedras que coroan os montes galegos son moito máis que patrimonio natural. Para os nosos devanceiros, convertéronse en fitos cargados de significado, lugares onde o divino e o terreo se xuntaban, configurando espazos de culto pagán enraizados na cultura popular. A súa impoñente presenza non só dominaba a paisaxe, senón tamén o imaxinario colectivo.

O respecto e veneración que espertaban non era casual, representaban símbolos de forza, permanencia e estabilidade. Neles, atoparon a morada deuses e espíritos protectores, lugares para os rituais que buscaban a fertilidade da terra, a abundancia das colleitas ou a protección fronte ao clima. Non eran vistas como obxectos, senón como entidades que participaban activamente na vida da comunidade, cunha carga espiritual que influía no seu benestar. Orixes míticas envolvían os lugares, sendo escenario de lendas que transmitiron unha visión sagrada do territorio. Historias que contribuíron a preservar unha conexión íntima entre a natureza e o home, que aínda hoxe resoa no noso subconsciente colectivo.

Mentres os avances deixan atrás moitas crenzas, os penedos exercen un magnetismo especial, lembrándonos que Galicia sempre estivo conectada espiritualmente cos seus montes e paisaxes. Non podemos esquecer que o pasado que veneraba estas pedras forma parte da nosa identidade. A súa preservación é fundamental para manter vivo o legado cultural, un reflexo da profunda relación que os que nos precederon tiñan coas forzas da natureza e o seu respecto polos elementos que conforman a paisaxe galega.