A todo o mundo lle soa o que é unha prótese, esa peza artificial que se implanta no corpo humano cando algún elemento noso é inservible e non funciona. Aos edificios tamén se lles implantan próteses en puntos que deixan de funcionar, substituíndo a peza orixinal por outra similar de outro material.
Cando un edificio é abandonado e chove dentro, os seus ósos perden a seguridade e estabilidade e hai que cambialos por outros novos, tamén sucede cando hai espolios e rouban pezas orixinais. O problema é que moitas veces, por costume ou por mala praxe, substitúense todos os elementos de madeira por pezas de formigón totalmente novas e alleas á configuración arquitectónica: o que se coñece como «botarlle unhas placas de cemento a unha casa de pedra». É outro edificio, perdeu a alma, o sentir, a orixinalidade e a propia identidade para facer un edificio novo —sen selo—, nunha mala praxe que coñecemos como fachadismo.
Pura fachada, puro teatro, falseando a historia e pretendendo vivir nun edificio histórico con pezas actuais. Pérdense as escaleiras orixinais de madeira e fundición, pensadas en escala humana para máis usos que o de subir e baixar, para sentir, para recender. Pensamos que as novas placas cosen as paredes, cando o que fan é debilitalas e que perdan a súa condición isostática, flexible, resistente ao sismo. Por riba, intentamos facelo antigo poñéndolle pisos de madeira nova e pezas de baño imitando ao antigo. Non é antigo, é antagónico á súa época. Imaxinamos os edificios modernistas de Gaudí con elementos do século XXI? Este é un debate moi actual.