![](https://img.lavdg.com/sc/BlikQmlVRlWpaN2mUJQxSksbj5Y=/480x/2023/10/19/00121697706698613729107/Foto/pomme.jpg)
A calquera de vostedes que lle preguntemos polos doces das monxas responderá que parecen caídos do ceo, e se alguén non os probou, recoméndolle unha visita a un deses mosteiros nos que as relixiosas cociñan como os anxos e venden os seus produtos de pastelaría. É unha actividade compatible co patrimonio cultural dos mosteiros, legado inmaterial fabricado entre as pedras. Non só compatible, senón recomendable para poder financiar a súa supervivencia. Hai un gran contido inmaterial neste tipo de traballos, de transmisión do coñecemento e dos costumes destas mulleres que levan pechadas toda a súa vida.
Seguro que eses ingresos non chegan para manter os monumentos en pé, pero son suficientes para manter a esas conservadoras e observadoras que dan voz de alarma cando aparecen goteiras. Sen xente, o patrimonio cultural material vénse abaixo, e o inmaterial pérdese para sempre.
Sempre aparecen os típicos anticlericais que botan pestes contra o mantemento cristián deste patrimonio, incluso pedindo que pase a mans públicas. Non se decatan que as administracións terían que contratar novos funcionarios para mantelos, que seguramente non traballarían sábados e domingos, cando os demais os queremos visitar.
Outros usos para que non se veñan abaixo poden ser o turístico e o institucional, pero non imos converter todo o país nunha rede hoteleira nin museística. O equilibrio manda e mentres estas persoas coiden dos monumentos hailles que dar as grazas. Están facendo gratis un traballo de conservación que ten un alto custo social e cultural.