Obras de 85 creadores consagrados e noveis repártense por dúas das salas do Museo do Gravado de Artes
13 oct 2024 . Actualizado a las 19:40 h.A unidade de dúas institucións culturais como o Museo do Gravado de Artes e a asociación Barbantia xera un efecto multiplicador que dá resultados como BarbantiArte, a festa de creatividade de Barbanza que se manifesta nunha exposición que dende anonte está aberta ao público e na que se poden ver obras de 85 artistas. Pintura, escultura, bordado, fotografía, escultura, cerámica, louza, escaiola e ata traxes tradicionais galegos... todo o que ten creatividade é arte e ten cabida nas dúas salas que ocupa a mostra, que se pode ver ata o 11 de decembro, e que reflicte que estamos nunha terra con moito talento, non en van esta é a novena edición.
Pastor Rodríguez, fío condutor entre Barbantia e o museo, explicou que se non fose polos creadores e creadoras do Barbanza sería imposible contar con tanta xente no acto inaugural. Lembrou que a primeira vez que se puxo en marcha BarbantiArte, tiñan un pouco de inquietude por ver como resultaría que unha asociación que ata ese momento facía presentacións de libros ou organizaba a Romaría das Letras era quen de poñer en marcha, xunto co museo, o encontro de creadores e creadoras. Recoñeceu que a clave foi que o fundador do museo, Javier Expósito, «abriunos a súa casa, as tres salas, e empezamos con cincuenta artistas, que logo aumentamos a 70, 80, 100 e este ano 85».
Precisamente colleu a testemuña Javier Expósito que asegurou estar encantado de ver tanta xente no museo, especialmente aos nenos: «Es ilusionante que los padres traigan a sus hijos a las exposiciones, para que vean que la cultura es parte de nuestras vidas y que debe formar parte de nuestro futuro». Recoñeceu, así mesmo, a capacidade de convocatoria que ten Barbantia e a impresionante labor que desenvolve e asegurou que Barbantia tiña que estar máis recoñecida «porque Barbantia no solo es Barbanza, sino también Galicia».
María Xesús Blanco, presidenta de Barbantia, sinalou que BarbantiArte «convida a todos á reflexión, ao diálogo en perspectiva e en liberdade, á conversa entre todos». Destacou que entre os 85 artistas hainos consagrados e outros que empezan que proxectan experiencias creadoras moi enriquecedoras: «Neste espazo compartido latexa hoxe a forza creadora da nosa bisbarra, en obras que van deixar unha pegada inesquecible nas persoas que as observen».
Manuel Cartea, corrector lingüista do catálogo e crítico de arte, centrou boa parte da súa alocución en forzar unha reflexión sobre o que é a arte «un estado de ánimo», poñendo exemplos de creacións que foron vendidas a prezos disparatados e que non aparentan valor algún, máis alá da creatividade dos seus autores. Extrapolou á arte a frase de San Agustín «si non me preguntan que é o tempo sei perfectamente o que é, pero se me preguntan, non o sei»,
Pechou o acto inaugural a concelleira de Cultura de Ribeira, Antía Alberte, que gabou tanto aos creadores e creadoras que expoñen como ás entidades que organizan, e fixo un pouco de autocrítica ao sinalar que as institucións públicas a veces non se paran a ver e apoiar o que teñen ante os seus ollos.