Os premios

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

23 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

sábado, un ocorrente usuario de X, que ademais é de Laxe, O Rubén (@otuiterdoruben), publicou un divertido chío: «Concédese o premio da crítica. Sube o premiado ao escenario. O público comenta polo baixo». Escachei. Referíase aos Premios da Crítica de Galicia, que se concederon en Vigo. Que a xente intrigue e murmure ao redor dos premios culturais é case consubstancial á súa existencia. E pasa aquí, en París ou en Estocolmo.

Hai estupendas sátiras novelísticas ou audiovisuais sobre escritores que se consideran vítimas dunha conspiración. Xente lúcida nos seus ámbitos, nas artes e nas ciencias, que viven sen decatarse no pensamento máxico e no vitimismo.

En todos os xurados nos que estiven —e aínda foron uns cantos, neste tamén— nunca vin esas confabulacións expresas ou subliminares para outorgarllo ou negarllo a alguén. A realidade é máis pragmática e, moitas veces, supoño que máis inasumible para quen sinte que non gañou. Os xurados dos premios son sempre unha elección, e esa elección responde á composición do xurado e á visión que ten sobre o que debe ser premiado. Moitas veces, os premios de prestixio permiten comprender, cando se miran as súas listas en perspectiva, as tendencias nese sector, as modas ou a visión da cultura que tiña a maioría dos integrantes do xurado.

A conversa sobre os premios debera estar aí: ao redor de que visión da cultura se premia. Aínda que no fondo, como autores, o que nos doa é o que quere dicir que non nos premien: que non estamos na onda ou na moda.