Lectura de «Un ollo de vidro»

Francisco Ant. Vidal
FRANCISCO ANT. VIDAL LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

E dado que a obra de Castelao segue tendo vixencia, celebro que se comparta e relea

26 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Contábanos o amigo Xulio como, en certa ocasión, estando en Madrid arredor do día de Defuntos, quixo ir ó teatro para ver o Don Juan Tenorio, levado por ese ritual de asistir á inmortal obra de Zorrilla en tales datas, tan chea ela de ripios e tan coñecida incluso polas persoas menos atentas a estas cousas da literatura; e como a douscentos metros do despacho de billetes foi abordado por diferentes revendedores de entradas asegurándolle que ía telo difícil para encontrar unha butaca cómoda. E si, a pesares de ser un día de semana o teatro estaba abarrotado.

Arredor do primeiro de novembro celébrase en toda Europa a entrada ó inverno con diferentes manifestacións, tal esa do Halloween, tan arredada da nosa tradición, onde só nos fai graza ver ós cativos disfrazados de zombis e outros monstruíños máis propios doutras latitudes e doutras literaturas, cando nós temos aquí sacaúntos, meigas, homes do saco ou alarbios que poden dar tanto ou máis xogo ca aqueles. A mesma esencia do Samaín irlandés é despedir o tempo de sol para entrar nun de frío, que nosoutros celebramos cos populares magostos, a ser posíbel a carón do lume da lareira.

Hai un par de anos, o 2 de novembro, o museo de Pontevedra tivo a boa idea de facer unha dramatización da obra de Castelao Un ollo de vidro, para conmemorar o centenario da súa publicación, onde un finado, grazas ó ollo que non lle puideron comer os vermes, é quen de ver, criticar e cavilar dende a outra vida sobre o que pasa nesta.

O ano pasado, retomando esa idea, varias asociacións culturais decidiron unirse para facer unha lectura pública da mesma ó luscofusco da véspera do día de Todos os Santos, e a idea parece que vai callando ano tras ano, á fin os finados que nesa historia aparecen, como as ánimas galegas, están penando polos males que fixeron e tratan de remedialos, sen necesidade de chuchar o sangue ou facer trasnadas.

Non estaría de máis que tamén nos centros de ensino se lle dese lectura a esta peciña que non supera as vinte páxinas (na edición que eu teño), onde se reflexiona sobre o humor, como vemos e entendemos a sociedade, quen son os vampiros e quen as pantasmas, que, a verdade sexa dita, a día de hoxe sabemos máis deles pola televisión, o cine e outros medios, ca dos moitos tipos de ánimas que enriquecen o noso folclore.

Certo que incluso as tradicións máis arraigadas se van perdendo ou modificando ó largo dos anos, para cederlle o paso a outras que entran como no seu día entrou a pataca na nosa dieta, pero o que non se pode perder é a esencia do significado desta celebración onde, en palabras dos etnógrafos Mariño Ferro e González Reboredo, coas nosas ánimas créase unha ponte entre este mundo e o Alén, desmentindo a morte como un punto final. E iso é o que lemos nesta ficción, onde se nos recorda a nosa relación co máis aló, agora que comeza o inverno climatolóxico.

E dado que a obra de Castelao segue tendo vixencia, celebro que se comparta e relea, que nos riamos á conta dun finado que non deixa de cavilar sobre o divino e o humano, á fin é moito máis divertida ca esas outras trasnadas de importación.