Rubén López, adestrador da selección galega sub-16 de fútbol: «Galicia deu un paso adiante. É un bo momento»

Francisco Brea
Fran Brea RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Rubén López dirigiendo desde la banda al combinado autonómico en un partido.
Rubén López dirigiendo desde la banda al combinado autonómico en un partido. FUTGAL

O seu debut oficial no banco do combinado masculino será o 1 de novembro no campionato nacional

28 oct 2024 . Actualizado a las 20:31 h.

Rubén López (A Pobra, 1979) leva tempo formando parte dos corpos técnicos das seleccións galegas masculinas de fútbol en categorías inferiores. Estivo na sub-14 e na sub-16, da cal agora colleu as rendas para sentarse no banco como máximo responsable do equipo. Por riba xa só está a absoluta. «A Federación contactou comigo e trasladoume a súa confianza. É un exercicio de continuidade, o que reforza o traballo feito e que vamos no bo camiño», destaca o barbancés. Asegura que esta nova etapa é «ilusionante» e que ademais de supoñer unha maior carga de traballo tamén supón «ter contacto cos clubs galegos e con deportistas de alto nivel».

Esta é unha das súas tarefas nun cargo que implica pasar por diferentes fases. «Está a competición, as concentracións, os adestramentos e a captación, polo que tes que ver o máximo fútbol posible. Hai que desprazarse e ver a evolución constante dos xogadores», apunta López nunha conversa que se producía pouco antes de que puxera rumbo a Lugo para, precisamente, asistir a un encontro.

O seu debut oficial como seleccionador galego sub-16 terá lugar o 1 de novembro, coa disputa da primeira fase do Campionato Nacional de Seleccións Autonómicas, na que Galicia se terá que enfrontar a Madrid e Canarias: «Este ano chega un pouco cedo e hai que estar mañá e tarde facendo scouting».

López xa sabe o que é participar neste torneo e que o seu equipo faga un bo papel. Os mellores accederán á fase ouro e o resto á prata. Entre os primeiros sairán os conxuntos que disputarán o título. «No meu primeiro ano chegamos á fase final, que non se xogou pola pandemia. Logo fomos campións de España, noutra ocasión acadamos as semifinais e outro ano gañamos a fase prata», sinala o pobrense.

Maior formación

Os éxitos chegan, explica Rubén López, porque «Galicia deu un paso adiante en todos os niveis». Un deles é a maior formación dos adestradores, que acaba repercutindo no traballo diario e «sube o nivel das competicións e dos xogadores. É un bo momento e tamén se ve individualmente nos futbolistas e, por iso, a día de hoxe Galicia aporta un número importante de futbolistas á selección nacional desde sub-15 ata sub-21».

Pero a isto non se chega dun día para outro, «é un traballo de tempo, unha aposta polo fútbol de base na que hai moita implicación, tanto a nivel masculino como feminino. Estamos moi contentos de como está a evolucionar o deporte. Cada vez hai mellores adestradores, mellores condicións e os clubs están máis preparados. Así, os rapaces teñen adestramentos de calidade e iso é fundamental», comenta López.

Aínda que a súa profesión é a de técnico de deportes no Concello da Pobra, o fútbol é unha parte moi importante da súa vida. Alá polo ano 2005 comezou a adestrar nas categorías inferiores do Puebla para logo pasar ao primeiro equipo. Despois puxo rumbo a Boiro, onde estivo na base, logrando ascensos a Liga Nacional, e tamén dirixiu nun par de ocasións aos boiristas en Terceira. Nos últimos anos compaxinou as súas funcións no corpos técnicos das seleccións galegas con ser segundo adestrador en equipos como o Alondras ou, a pasada campaña, o Estradense.

Agora, unicamente está dirixindo á selección galega sub-16 masculina porque o tempo tampouco da para máis: «Estou entregado a este posto. Cada semana vamos probando a novos xogadores e buscando a nosa liña de identidade. Buscamos futbolistas de cara ao futuro, porque con 16 anos teñen que seguir crecendo e dando pasos firmes».

Ampla traxectoria. Rubén López conta xa cunha ampla traxectoria como adestrador. Comezou no club da súa localidade, dirixindo ás categorías inferiores do Puebla. Tamén foi responsable do primeiro equipo antes de mudar a Boiro, onde traballou na canteira e no sénior. Formou parte de corpos técnicos en seleccións galegas e tamén en conxuntos como o Alondras ou o Estradense.