A quen se lle podería ocorrer representar en Broadway uns epitafios? Á fin, un epitafio é unha sentencia para a eternidade, que non sempre é compartida polos vivos. A maioría das veces o que queda escrito na lápida é unha mostra de aprecio posta por alguén próximo, o cal non indica que esa opinión sexa compartida.
Segundo quen decide ou discorra esas sentenzas que vemos así serán de emotivas. Unhas veces todo fica nunha expresión de cariño, copiada literalmente dalgún texto relixioso, e outras son máis orixinais e laicas. Tal vez as máis realistas sexan as lápidas gremiais de Noia, que o din todo sen palabras, porque lonxe de valorar se acollían a unha persoa boa ou mala, ou se lle desexan mellor ou peor estancia no Máis Aló, só se indicaba o oficio. Logo, cada quen lembrará se o carpinteiro alí soterrado lle fixo unha mesa coxa ou se o zapateiro un zoco sen sola. Con poucas palabras fica a lápida de Antonio Palacios, no Porriño, tan só o seu nome e debaixo a profesión: Arquitecto. Non poido dicir o mesmo dunha que atopei no cemiterio dunha vila ourensá, onde alguén moi querido do finado escribiu debaixo do seu nome: «Durmido na voz do vento, durme por sempre o gaiteiro, ¿quen puidese espertalo? ¡¡Quen puidese espertalo!! Meu amigo». Uns versos propagandísticos que me deixan a dúbida de se era bo ou mal gaiteiro.
Á fin un epitafio é algo máis ca unha frase de despedida, tamén é a lembranza que queda para que os epigrafistas do futuro saiban del como hoxe sabemos de centurións ou de pretores romanos. Pero para epitafios que retraten a vida e a sociedade, talvez os de Edgar Lee Masters, recollidos no seu libro Antoloxía de Spoon River, que non están escritos sobre pedra, senón sobre papel, nin son frases curtas senón poemas de corte social.
Edgar Lee Masters estudara avogacía, pero a súa paixón era a de escritor, polo que durante moitos anos alternou o seu traballo diante dos tribunais con algún que outro artigo, libro ou peza de teatro que, contrariamente ó que sería o seu soño, nunca acadaban o éxito desexábel. Pero non por iso deixou de escribir.
Ía gañando a vida como avogado laboralista, e pasábao francamente mal cando tiña que defender ós parias da sociedade nun país que el, xa daquela, definía como belicoso e onde as diferenzas de clase podían ser abismais, ata que decidiu colgar a toga e dedicarse por enteiro a escribir.
O éxito chegoulle ós 46 anos, cando publicou por entregas unha serie de poemas a modo de epitafios, onde cada finado expresaba o seu parecer sobre a súa andaina entre os vivos, e tal éxito tivo que se publicaron ó ano seguinte (1915) en forma de libro, acadando en catro anos as oitenta edicións.
Son en total 244 epitafios doutos tantos finados criticando a sociedade do momento, falando das súas penas, dos seus medos e ansias, tan acertadamente que se converteu no libro de poemas máis vendido en USA. E aínda así seguro que hai moito trumpista que nunca o leu.
Ó final, cando o autor morreu, en 1950, deixando unha boa cantidade de obra escrita, só era famoso por estes epitafios que finalmente foron adaptados para ser representados en Broadway, a meca do teatro americano.