Un sector que amosa resistencia

La Voz

BARBANZA

MARCOS CREO

O nivel de lectores mantense en Barbanza e hai quen apunta a unha subida

08 nov 2024 . Actualizado a las 15:34 h.

Tivo, como outros sectores, altos e baixos, pero o eido das librarías consegue manterse amosando unha férrea resistencia diante das principais ameazas, lideradas por internet e polas novas ferramentas tecnolóxicas. Desde boa parte dos negocios da comarca coinciden á hora de sinalar que o nivel de lectores segue estable desde hai un tempo e hai quen apunta cara unha subida.

«Vimos da campaña escolar e en breve entraremos na de Nadal, que sempre é importante. De ponte tivemos o Bono Activa Comercio, que tivo repercusión nas vendas», explica o libreiro pobrense Cipriano Pose.

Tamén desde A Pobra, Luz del Mar Estévez engade a estas campañas a repercusión que ten o lanzamento de determinados libros: «Os de Megan Maxwell sempre se notan nas vendas. A fin de mes sairá un novo e sei que venderei unha ducia de exemplares seguro».

Coincide con este punto de vista Jessica Martínez, libreira de Carnota. Asegura que as novidades que chegan asinadas por Julia Navarro, Carmen Mola ou Manolo Rivas sempre axudan a animar as vendas.

Amósase moi optimista o boirense Rafael García: «A xente anímase máis a ler». Engade que a venda de libros aumentou nos últimos tempos.

O rianxeiro Pablo Gómez, pola contra, ve o sector máis parado ca o ano pasado: «Imaxino que se debe á subida de prezos xeneralizada, que ao final repercute máis naqueles produtos que non son básicos, pois son os primeiros que se descartan». Aínda así, confirma que hai lanzamentos que animan o mercado: «Vimos de recibir o premio Planeta e imos notalo».

Desde Porto do Son, María José Maneiro tamén se declara bastante pesimista: «No verán aínda se vende, pero o inverno é duro». Sostén que é moi complicado competir con internet e coas grandes superficies, sobre todo no que á venda de libros de texto se refire: «Cada vez temos menos encargos».

María José Lestón, de Outes, comparte a visión: «Cada día lese menos, tanto a xente adulta coma os nenos, que antes demandaban moitos máis libros».

Neste panorama con luces e sombras, os libreiros barbanceses coinciden ao sinalar que a literatura en galego é a que máis está a sufrir: «Ten moi pouca saída, sobre todo nos adultos», sinala Jessica Martínez. Coincide a boirense Rosa Tubío: «Véndese algo, pero a porcentaxe con respecto ao total é pequena. Len en galego os de sempre, pero caras novas poucas».

O libro dixital, de preocupante ameaza a moda pasaxeira

Cando saíu ao mercado, o libro dixital foi considerado unha gran ameaza, pero os libreiros consideran que o perigo pasou. «Existía medo, pero non é o noso gran competidor hoxe en día», sinala Rosa Tubío. É da mesma opinión a noiesa Inmaculada Blanco: «Considero que foi unha moda pasaxeira e que as persoas que len habitualmente fano en papel».

Cipriano Pose dá por pasado o perigo: «Hai xente que utiliza o soporte electrónico, pero en circunstancias especiais, como viaxes. Penso que non inflúe practicamente nas vendas de libros». Algúns libreiros, como María José Lestón, non o ven tan claro: «Hai persoas que queren tocar o papel, pero aqueles que len moito si que se pasaron ao dixital, por espazo e por gasto. Non vai acabar co libro en papel, pero o soporte electrónico si que fai dano».