Os comerciantes recorren ao diálogo cos clientes para plantarlle cara a internet
08 nov 2024 . Actualizado a las 15:34 h.Os libreiros de Barbanza responden a unha serie de cuestións que permiten coñecer mellor a situación actual do sector e mesmo se atreven a recomendar un libro de lectura.
a. Cal é o perfil dos grandes lectores de Barbanza?
b. Que armas utiliza para loitar coas novas tecnoloxías?
c. Que libro recomendaría?
1. Cipriano pose
Ler (A Pobra)
a. Os grandes lectores de libros son persoas maiores que teñen tradición de ler, pero a rapazada está entrando bastante ben. Este ano vendín máis libros infantís e xuvenís ca os pasados.
b. O máis difícil é competir con Amazon, polas facilidades que ofrece e a política de devolución que ten, pero conséguese falando cos clientes. A arma que nós podemos utilizar é ese contacto directo.
c. Recomendaría Hotel Carioca, de Antón Riveiro Coello. Á xente gústalle e segue a ter bastante demanda.
2. maría josé maneiro
Andrea (Porto do Son)
a. Lese moi pouco. Os nenos e os adolescentes só compran aqueles libros que lles encargan no colexio. Habería que incitar máis ás novas xeracións a ler.
b. É moi complicado competir con internet. Neste caso, non hai unha gran diferenza de prezos, pero a xente busca comodidade, que lle leven os produtos á casa.
c. Elixir unha lectura é algo moi persoal, pois depende dos gustos de cadaquén, pero eu estou coa saga de Reina roja, de Gómez-Jurado, e gústame moito.
3. pablo gómez
Cándido (Rianxo)
a. O público infantil sempre responde bastante ben e penso que o adulto se recuperou moito a partir da pandemia. Dentro deste colectivo de idade, as mulleres len máis ca os homes.
b. É moi difícil competir coas novas tecnoloxías. Penso que o noso punto forte é a proximidade e a posibilidade de establecer conversa con nós. As recomendacións directas dos libreiros non están en internet.
c. A min gústame a temática de intriga e de suspense, así que recomendo El clan, de Carmen Mola.
4. rafael garcía
El Cisne (Boiro)
a. Os clientes principais, polo menos no noso caso, son adultos e hainos de todas as idades, temos desde persoas de 20 ata outras de 60, 70 ou máis.
b. Hai xente que aposta decididamente polo comercio local e incluso prefire encargar e esperar a considerar a opción de mercar por internet. Claro que tamén hai quen prefire que os libros lle cheguen directamente á casa. Penso que a nosa arma é o contacto directo e o bo trato.
c. Teño El hijo del Reich, de Rafael Tarradas, na miña lista, pero o certo é que aínda do tiven ocasión de lelo. O que estou recomendando agora é El manipulador, de Francisco Lorenzo, que me encantou. Ademais é un autor galego.