Cunha andaina chea de éxitos, Barbantia ten como reto o relevo xeracional
14 nov 2024 . Actualizado a las 09:53 h.Un grupo de veciños vinculados ao mundo das artes uníanse en novembro do 2004 para impulsar un punto de encontro, unha asociación que dinamizara e puxera en valor a creatividade en Barbanza. Cun acto de presentación no centro social de Boiro iniciaba a súa andaina Barbantia, unha asociación que dúas décadas despois segue a avivar a chama da cultura na comarca.
«Barbantia desexa ser un centro de ideas no que todos se sintan útiles e partícipes dos proxectos», dicía naquela presentación Antón Riveiro Coello, o primeiro presidente que tivo a entidade. Hoxe, o escritor dá por superados todos os retos que se marcaba a asociación nos seus inicios: «Nunca pensei que chegase tan lonxe, nun principio queríamos axitar culturalmente Barbanza, pero agora teño a sensación de que foi un gran revulsivo».
Riveiro non se refire só aos moitos actos que organiza Barbantia, senón que está convencido de que seguindo a súa estela, concellos e outras asociacións se animaron a promover máis actividades culturais, ao tempo que xurdiron creadores: «Ás veces temos lista de espera de artistas interesados en presentar libros ou expoñer obras, e son veciños da comarca». Neste camiño cheo de logros, apunta cara un reto: «Temos que garantir o relevo xeracional, é importante enganchar á mocidade».
Coincide ao sinalar esta mesma materia pendente Xesús Laíño, o segundo presidente que tivo Barbantia e un dos fundadores da entidade: «É importante conseguir relevo porque, en caso contrario, o futuro da asociación periga». Tamén el dá por cumpridos os obxectivos que se marcou a entidade nos comezos: «Incluso fomos máis alá en moitas cousas, pois realmente as pretensións iniciais eran poñer en contacto aos creadores, publicar un suplemento e presentar un libro ao mes».
Traspasando fronteiras
Como logro máis destacado, Xesús Laíño refírese ás dimensións que conseguiu acadar Barbantia, traspasando as fronteiras da comarca: «Fomos dándonos a coñecer e cada vez hai máis xente que quere contar con nós para levar a cabo actividades culturais». Non é doado determinar o segredo do éxito dun proxecto coma este, pero o expresidente pensa que pode estar na «constancia dun grupo que sempre tira para adiante».
Formaba parte do grupo de impulsores Manuel Cartea, o que foi o terceiro presidente da asociación. El apunta, como gran logro, o papel que xogou como dinamizadora da cultura, tanto a nivel global como particular: «Moitos dos que agora estamos creando non o fariamos sen o impulso da entidade. Esa ventá que abriu é o seu gran éxito». Neste sentido, destaca a oportunidade que lle brinda ao novos artistas: «Somos como unha oenegué que está para cubrir as emerxencias a nivel cultural».
Diante deste panorama, Manuel Cartea non dubida ao dar por superados todos os obxectivos que se marcou cando contribuíu a impulsar a creación de Barbantia: «E seguiremos cumprindo retos a medida que vaian xurdindo, porque temos unha base importante de colaboradores en todos os eidos e iso é fundamental para continuar».
A ese traballo en equipo fai referencia María Xesús Blanco, a actual presidenta, coma o segredo do éxito de Barbantia. Súmalle a «colaboración dos seus socios e o seu carácter aberto a toda a comarca que xera un intercambio cultural moi enriquecedor e no que todos temos cabida». Tamén alude aos principios que marcaron como básico os fundadores: «Coido que nas propostas primeiras da asociación está un xermolo do éxito; entre elas, as presentacións literarias, o Anuario de Estudos do Barbanza, os libros colectivos o suplemento cultural A Voz de Barbantia...».
Sobre o que está por vir, María Xesús Blanco fala de «obxectivos de mirada longa e horizontes amplos», engadindo que a entidade debe seguir «aberta á colaboración con outras asociacións, cos concellos e as institucións, apostando sempre pola cultura galega e a nosa lingua, e mirando cara ao futuro con forzas renovadas e moita ilusión».
Accións en todos os eidos
Se por algo se caracterizou Barbantia ao longo da súa traxectoria foi por ir abríndose e tratando de abarcar a todos os sectores creativos Así o demostra o intenso programa de actividades que desenvolve anualmente, no que figuran desde o certame de literatura infantil Carlos Mosteiro ata BarbantiaRte, a exposición que esta tempada reúne a 85 artistas no Museo do Gravado de Artes, pasando polos premios Sereo, a Romaría das Letras, as presentacións literarias, as publicacións... «É un espazo dinamizador da literatura na nosa lingua e das artes, dando voz a novos creadores, pero sendo ao mesmo tempo un lugar de encontro plural nun senso amplo que convida á lectura, á conversa, á reflexión, á expresión literaria e artística», di da asociación María Xesús Blanco.
Na tarde deste martes, os fundadores de Barbantia e parte dos socios actuais reuníronse no centro social de Boiro para rememorar aquel 12 de novembro do 2004 no que se presentaba a asociación. Pero os actos de conmemoración deste vixésimo aniversario estanse a estender ao longo de todo o ano. Para o sábado hai fixada unha nova cita na Pousada da Galiza Imaxinaria. Será unha festa da poesía e da música na que participarán María Lado, Barahúnda, Stormy Trucks, Ana Romaní, Eva Veiga, Ciro Briones, Andy da Fonte, M. López Rodríguez e Esperanza Mariño.