Unha moza abórdanos para confesarnos que quere dar os seus primeiros pasos polas complexas sendas da escritura
17 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Unha amiga moza abórdanos para confesarnos que quere dar os seus primeiros pasos polas complexas sendas da escritura. E pídenos que lle indiquemos como se entra nese intricado sendeiro. Sinxelamente nun primeiro momento ficamos un curto tempo perplexos. Logo preguntounos por como se pode proceder para compoñer e estruturar, por exemplo, un relato, unha historia. Nese preciso momento escoitaches unha voz, unha urxente voz dentro de ti, que che soltou cortante: Quen coño es ti para dar consellos nesta ou noutras materias? Isto veu despois de que lle dixeras: «Primeiro, le moito e ao mesmo tempo vai escribindo sobre todo o que vexas, observes, sintas, padezas ou non, ou se che veña á cachola, vale?». Despois de darlle voltas uns días a cuestión, como resulta que ela é irmá dunha moi boa amiga, decido dirixirme a ela mediante unha carta, na que lle esborrancho, ao modo de Cartas a un mozo poeta de Rainer M. Rilke, unhas recomendacións, as cales pode ou non ter en conta. Se non lle gustan, non pasa nada, pois non teño outras, e pode deixalas a un lado, sen facerlles caso algún.
A carta é esta. Prezada Morasilva: desculpe vostede a demora en responder á súa petición, pero era necesario meditar pausadamente sobre unha cuestión tan seria e delicada. Nada banal, por suposto. Para empezar, debo recordarlle que é moi importante que viva alerta, atenta, e que o escrute todo e permaneza calada mentres o fai. As palabras virán a vostede no medio do silencio. E non esqueza que o baleiro é necesario, pois non é conveniente falar sempre. Aprenda a esperar pacientemente. Deixe que o seu corazón vaia aumentando ou acelerando o seu ritmo.
É moi importante que recorde sempre fuxir coma da peste dos tópicos, dos escenarios demasiado visitados ou dos territorios excesivamente pateados, moi frecuentados. Tamén debe lembrar que as mellores ideas non son as máis novedosas, senón as que xa se consideran vellas, antigas, pasadas de moda. Teña vostede en conta que no medio do murmullo e do silencio, os ollos dos que aman, os ollos dos amantes, falan e as súas voces retumban na penumbra ou na escuridade dos cuartos. Se vostede decide pórse a escribir, fágao con amor e na compaña do sonoro. Se escribe sobre o que odia ou detesta, o seu impulso creativo afogarase nun mar demasiado estrondoso, o cal apagará as vibracións da súa escrita.
Faga da súa angustia, do seu malestar ou da súa dor, un pequeno templo de granito, humilde, pero, irredutíbel, soberano. Agasalle ao mundo coa graza do seu sorriso, a súa dita. E, se por ventura, lle entrega as súas aflicións e fatigas, fágao cunha completa ledicia e fermosura incomparable. Aposte sempre polo que sanda ou cura e á vez engrandece, por aquilo que, aínda que pareza nimio ou insignificante, en cambio, é dunha beleza tal que fascine e asombre. Pois recorde que a beleza trae consigo a súa propia recompensa. Pense que, quen abre a fiestra, deixa pasar a luz. E que sen luz non hai penumbra nin sombras. A luz, coma o tempo, teñen un mesmo denominador común: o pasar. Así pois, cara Morasilva, evite os lugares comúns, os sitios por onde todo o mundo xa pasou antes. Lembre afastarse de todo isto, para deste xeito ver as cousas de modo máis próximo, para vislumbrar o misterio que sostén os entes menos prezados. Considere que, se a nosa alma é boa, a nosa forma artística, escrita ou a arte, tamén o ha de ser.
Por último, lémbrolle que Rainer M. Rilke (Praga, 1875-Suiza, 1926), na primeira das Elexías a Duino, fala da poeta Gaspara Stampa, nacida en Padua (Italia) no seo dunha familia nobre no 1523 e que feneceu en Venecia no 1554. O seu desgraciado amor co conde Collaltino di Collalto, que a abandonou ao pouco tempo de namorar del, atopou, en cambio, o camiño para transformar a súa dor en algo fecundo: a expresión poética nos seus apaixonados sonetos, nos que canta a aquelas, ás deixadas, a aquelas ás que algúns teñen atopado «moito máis tenras e ardentes cás outras amadas satisfeitas».