Conservar en xeo

Francisco Ant. Vidal
FRANCISCO ANT. VIDAL LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

BERNARDO CODESIDO

23 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Que o xeo serve para manter en stand by o paso do tempo sabémolo os que temos un frigorífico ou un conxelador na casa, e se non fose por eles teríamos que volver a practicar o salgado e secado de carnes e peixes para abastecer as despensas. O outro problema que se pode presentar é se se vai a luz e nos pasa como o señor Adam Trask, segundo conta John Steinbeck na novela Ó este do edén, cando se lle botaron a perder todas as verduras que pretendía transportar en vagóns con xeo ó pasar por zonas cálidas.

Pero ademais deste uso doméstico, a conservación en frío converteuse nun almacén de obxectos do pasado, tanto no laboratorio como na natureza, onde, dun tempo a esta parte, co cambio climático e o retroceso dos xeos nas zonas montañosas ou nos glaciares, póñensenos ó descuberto partes da nosa historia que non se puideron conservar doutro xeito, o que se vén a converter nunha nova fonte de información para a arqueoloxía. Claro que mellor sería acceder a estes obxectos sen necesidade de sufrir este aumento da temperatura que, como estamos comprobando, pon en risco moitas vidas humanas.

As revistas especializadas e a prensa diaria xa nos deron conta dun dos maiores achados que tivemos no pasado 1991, cando quedou fóra dun glaciar alpino Ötzi, unha momia que permaneceu baixo o xeo dende a Idade do Cobre, uns cinco mil anos, grazas ó que descubrimos moitos aspectos da vida e dos costumes dese tempo que doutro xeito só nos poderíamos imaxinar.

Todos eses obxectos que o desxeo saca á luz e é a maior preocupación dos arqueólogos, para actuar antes de que os elementos orgánicos se desintegren fóra dese conxelador natural.

A día de hoxe a lista de aparellos e seres achados é moi longa, dende uns zapatos e unhas luvas viquingas, duns dezasete séculos de antigüidade, ata os restos dun bosque tropical, datado na época dos dinosauros, baixo os xeos da Antártida; un lobo de tamaño xigante, que nos pode dar as claves de por que a súa especie non medrou ou un mamut de hai dez mil anos, tan ben conservado, que os modernos frankensteins teñen idea de clonar para que unha elefanta xere un mamutciño.

A lista é tan longa que, segundo me conta o amigo Xulio, ata se encontraron baixo os xeos do Polo Sur preto de cen neutrinos, unha das máis diminutas partículas elementais, pertencentes a unha galaxia que se encontra a uns 47 millóns de anos luz, talvez as partículas máis difíciles de detectar, pero fundamentais para axudarnos a entender cousas tan estrañas como os buracos negros ou a enerxía e a materia escura.

Reservando as propias dúbidas sobre o que se fai con algúns destes achados, que nalgúns casos se acercan máis ás fantasías de Parque Jurásico ca a un verdadeiro interese científico, talvez non nos decatamos de algo fundamental para o coñecemento do noso mundo: que a extinción tamén forma parte da evolución, e nós estamos nese camiño a medida que aumenta a temperatura do planeta.

Como queira que sexa, a este paso, cando os humanos rematemos a nosa estancia na terra, non vai haber xeo que nos conserve para ser clonados por algunha intelixencia posterior como bechos do pasado.