A antiga responsable de patrimonio cultural de Madrid vén de ser condenada a tres meses de cadea e sanción económica por abandonar un edificio histórico, o que significa que sabendo que necesitaba obras de conservación e mantemento, deixou que se fora deteriorando ata quedar só as fachadas.
Parece unha noticia baixada de Marte, porque aquí temos exemplos abondo de edificios abandonados, de falta de medidas de conservación e mantemento, e vémolo como algo normal, cando non o é, porque deixar que se deteriore un edificio histórico perdéndose a integridade é como queimar as neuronas da nosa memoria histórica, é como pensar que non é importante o noso legado, as nosas raíces.
Xa temos un feixe de leis que obrigan a conservar e manter os nosos edificios, sexan privados ou públicos. Hai sancións estipuladas, e mesmo a posibilidade de expropiar un inmoble que se abandona. Somos o país de máis leis e menos accións. Seguramente o que nos falta é acción pública, o impulso popular por denunciar aos responsables custodios do noso patrimonio, porque é noso, e temos dereito a esixir que se cumpran as leis e se conserven os edificios.
Temos edificios con moita historia escrita e na memoria que están na ruína total, algúns incluso na Lista Roja de Hispania Nostra, que debería ser unha vergoña. Pero ninguén dimite, ninguén é investigado. E non pasa nada, non merecemos ter a historia que temos. En todo caso, cando alguén se atreve a denunciar —como xa sucedeu—, as autoridades adoptan a postura do avestruz e non se implican na defensa da legalidade.