A carreira literaria de Abel Tomé (Outes, 1984) non fai máis que medrar desde que en 2018 publica a novela A noite do corvo, pois xa en 2019 gaña o Premio Illa Nova de Narrativa con A noite do lobo e, en 2024, o Premio García Barros con A noite do oso. No eido infantil queda finalista do Premio Merlín en 2022 con Liliam Strawberry e o paxaro da morte e, agora, neste 2024, acada o Premio Merlín con Milú e o edificio das persoas extraordinarias, unha fermosa fábula social sobre a imaxinación que permite soñar cun mundo mellor.
A fantasía infantil é o antídoto contra o odio e contra a intolerancia. O edificio Les Marginaux reúne varios nenos capaces de facer fronte ás autoridades, que queren derrubar as súas vivendas.
Cun ton poético moi acaído, que non evita o coloquial, a obra ensínanos a ollar dun xeito diferente os marxinados, os pobres, os de fóra, os outros: «Mamá di que ser pobre non ten por que significar ser infeliz. As persoas adoitan relacionar a felicidade con posuír cousas». Non, aquí o que se posúe non son cousas senón sentimentos, optimismo para mellorar o mundo cos soños e as fantasías.
Un libro apto para nenos de dez ou once anos, fermosamente ilustrado por Laura Romero.
«Milú e o edificio...»
Abel Tomé
Xerais (Vigo, 2024)
141 páxinas
Ilustracións de Laura Romero