Visito os chans do Barbanza e sempre fico marabillado da conxunción entre a riqueza natural e o denso legado cultural que se garda aí. Así o recoñecen numerosos investigadores galegos e internacionais, que estudan na serra do Barbanza un privilexiado escenario para comprender a primeira monumentalización de Galicia na prehistoria e a relación das comunidades do pasado coa media montaña.
No primeiro, nas súas necrópoles megalíticas e máis recentemente nos pequenos poboados que van desde a Idade do Bronce cando menos ata a Alta Idade Media. Pero, ademais, a serra conta con castelos e torres de vixilancia, minaría antiga, numerosas trazas etnográficas, desde pasais ata técnicas construtivas, petróglifos ou gandería tradicional, e segue a ser un espazo vivo. É unha absoluta xoia cultural.
A serra do Barbanza reúne todas as características para ser recoñecida como un ben de interese cultural (BIC) na súa categoría de paisaxe cultural, a máxima protección e recoñecemento que a lexislación da comunidade autónoma concede a un ben patrimonial. Hai casos análogos, como a necrópole de Santa Mariña, no Incio (Lugo), a Ribeira do Lérez (Pontevedra), a Carballeira de Caldas de Reis ou o monte Lobeira (Vilagarcía e Vilanova de Arousa). Como ven, a serra podería estar aí tamén.
Se ben os BIC non garanten investimentos nos monumentos, establecen unha valiosa capa de protección legal sobre eses espazos e permiten ao tempo captar máis recursos sobre eles, xa que os bens de interese cultural teñen recoñecemento europeo.