Che Tembra, Rodrigo Romaní e Barahúnda, galardoados cos premios Barbantia

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Barahúnda, Premio Iniciativa Cultural no Barbanza.
Barahúnda, Premio Iniciativa Cultural no Barbanza. CARMELA QUEIJEIRO

A entrega dos sereos terá lugar o vindeiro 14 de decembro na casa de cultura de Muros nun acto no que tamén se presentarán o anuario e o recompilatorio

06 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O vindeiro sábado, a partir das 12.30 horas, a comarca vivirá a súa gran festa cultural da man da Asociación Barbantia. A entidade celebrará un ano máis a entrega dos Premios Barbantia da Cultura, representados nun sereo que este ano recaerá nas mans de tres insignes representantes do eido artístico e cultural da bisbarra. Os votos dos socios do colectivo decidiron que nesta ocasión os galardóns foran para Rodrigo Romaní, Barahúnda e Che Tembra.

Dáse a circunstancia de que os tres conseguiron o premio na súa primeira candidatura aos sereos. Che Tembra, o artista do ferro que converte en esculturas restos de refugallos, recibirá o galardón á Traxectoria Cultural no Barbanza. Nas votacións, o seu nome impúxose aos dos outros dous finalistas, a soprano Esperanza Mara e o pintor Antonio Pérez.

Che Tembra, Premio á Traxectoria Cultural.
Che Tembra, Premio á Traxectoria Cultural. MARCOS CREO

Pola súa banda, o Premio á Iniciativa Cultural no Barbanza recaeu en Barahúnda. O dúo musical, de orixe madrileña pero afincado en Rianxo hai tempo, conquistou aos socios de Barbantia coa melodiosa voz de Helena de Alfonso e foron elixidos fronte ás candidaturas de Os Menestreis e o Museo Valle-Inclán.

Tamén se fixo acredor do sereo na súa primeira participación como finalista o noiés Rodrigo Romaní, que recollerá o Premio da Cultura Galega, un galardón que recoñece a súa traxectoria como músico de prestixio a nivel internacional. No seu caso, o fundador de Milladoiro competía na mesma categoría con Manuel Olveira, director do Museo de Arte Contemporánea de Castela e León, e coa cantante Sonia Lebedynski.

Rodrigo Romaní, Premio Barbantia da Cultura Galega.
Rodrigo Romaní, Premio Barbantia da Cultura Galega. MARCOS CREO

Os nomes dos vencedores foron elixidos mediante unha votación realizada entre os socios da entidade cultural, que este ano contou coa maior participación da historia dende a creación destes galardóns.

Medio cento

Dende que se instauraron os Premios Barbantia da Cultura, aló polo 2007, son máis de medio cento os artistas de todas as disciplinas que recolleron o seu sereo. Os tres novos gañadores dos galardóns recibirán o seu o vindeiro sábado nunha gala que se celebrará na casa de cultura de Muros e que servirá tamén como escenario para a presentación do recompilatorio e do anuario que a entidade edita a finais de cada exercicio con colaboracións de escritores e colectivos vencellados á cultura da bisbarra.

Ademais do Anuario de Estudos do Barbanza 2024, este ano tamén se presentará o sétimo recompilatorio de A Voz de Barbantia, que reúne nun só volume os números que viron a luz no suplemento das páxinas de La Voz de Galicia entre o 31 de xaneiro do 2020 e o 28 de maio do 2022.

Aquelas persoas que non poidan asistir ao acto poderán seguir o desenvolvemento da gala en streaming, e como colofón a esta festa da cultura celebrase una comida de Nadal en Muros. Para asistir ao xantar é preciso anotarse antes do mércores 11 no enderezo de correo electrónico barbantia@barbantia.es.