Sobre as tumbas e os crematorios

BARBANZA

Dani Gestoso

As pedras das lápidas conteñen moita información, veraz e sen adornos literarios, sobre as persoas que alí xacen

19 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

No día de Defuntos visitaches o cemiterio de Abanqueiro. O vello camposanto esténdese ao redor da igrexa de San Cristovo e nel descansan soterrados a meirande parte dos falecidos na túa familia. Entón había naquel espazo sagrado, ademais de ti, unhas cantas persoas máis, pero non demasiadas. Baixo a luz azul dos primeiros días do novo xaneiro regresaches ao recinto para inaugurar o ano 2025. Reinaba aló unha calma paralizante. E nese momento, no firmamento, unhas poucas nubes, coma se fosen ovellas triscando herba nos lombos dos arredores de Noceda, avanzaban lentamente cara ao nordeste. Hai xente que di que os que ficades pasmados mirando para as nubes ou para a lúa sodes uns papahostias.

Si. Seguramente. Pois, quen senón un comebrevas pode, cando anda polo recollido cemiterio, fixarse en algo como isto? As pedras das lápidas conteñen moita información, veraz e sen adornos literarios, sobre as persoas que alí xacen debaixo delas entre a húmida terra: ademais dos nomes e apelidos, figuran datos sobre a súa duración, sobre do seu estado civil e se tiñan ou non descendencia: fillos e netos e bisnetos, por exemplo. E todo isto en poucas palabras.

Na xornada da efeméride dos mortos, todas as tumbas estaban adornadas con flores e lámpadas. Pero agora semellan núas e mudas. Mentres as observas, cavilas sobre a nosa cultura dos mortos (morte) e a súa relación cos vivos (coa vida), e a conservación das nosas tradicións e o risco que corren de perderse ou caer no saco do esquecemento nestes nosos ruíns tempos. De aí a importancia que ten entre nós o feito de saber onde están soterrados os nosos familiares. Sen iso, é coma se estivese rachado ese invisible fío que nos xungue con eles. Queremos saber onde están os nosos avós, pais, irmáns, maridos, esposas, fillos e netos e bisnetos, en que lugar se encontran para visitalos, levarlles flores, falar con eles, rezar por eles… De aí tamén vén o coidado e limpeza dos camposantos, faena da que até fai poucos anos se encargaba a comunidade. En suma, queremos que tanto os nosos familiares coma os veciños, amigos ou non, dispoñan dun territorio sagrado onde descansen en paz e coa dignidade e honra que merecen.

Mais de súpeto, resoou unha voz censora no medio dun silencio de mármore e rumoreouche no oído: «Recorda que nesta nosa atribulada época medra case de forma exponencial a tendencia a incinerar os mortos». «Así é», recoñeciches. E mentres reflexionabas sobre o acelerado avance da cremación na nosa sociedade, vénche á memoria a lembranza dun costume, coidas que de Serbia, de ir comer cos defuntos no día da súa festividade. Daquela toda a familia colocaba o mantel arredor das tumbas e mesmo habilitaban un sitio, co seu prato e demais utensilios para o último defunto da familia. Cando se marchaban para a casa, deixaban a ración de comida dos falecidos, sobre as lápidas, por se de noite querían saír a cear.

Pensaches que, evidentemente, este ritual mortuorio non se podería pór en práctica cos restos, coas cinzas da cremación. Entón preguntácheste: «Que representa o paso do soterramento dos cadaleitos á súa incineración; que significa este avance sempre bendicido coma un signo de progreso e de modernidade, e que sempre deosta o antigo modo de soterrar os defuntos?».

Noutras palabras: ¿Como debemos ler o feito de facer desaparecer os cadáveres da nosa vista? Primeiro retirándoos das casas para os tanatorios, e nestes momentos desprazándoos desde os tanatorios para os crematorios? Talvez deberiamos pensar que do que se trata é de borrar calquera mancha ou pegada da morte entre nós, e que esta non poida tomar forma de corpo nunha tumba, nun lugar onde mirala de fronte? Tememos os cadaleitos. Tememos a morte e por iso non soportamos a súa presenza entre nós? Talvez. Si. Talvez. Amén.