Pancartas co lema Aguiño quere médicas, escritas con letras en diferentes cores, sostéñense nos balcóns de moitas casas desta parroquia ribeirense, gritando para que non se lle elimine un dereito ganado fai preto de 60 anos. A xubilación dun facultativo, e a baixa prolongada doutra deixaron o centro sen persoal para atender as necesidades de Aguiño e Carreira.
Desde finais do mes de outubro, os veciños maniféstanse puntualmente diante do centro de saúde, reclamándolle á Xunta que non desmantelamento este servizo polo que, ademais das protestas, recolleron 2.600 firmas remitidas ao Sergas. Hoxe, o servizo está cuberto por unha facultativa a tempo completo e un segundo médico acude tres días á semana, durante tres horas cada día. Non é abondo para cubrir as necesidades dunha poboación cada vez máis envellecida.
Por este mesmo transo pasaron Corrubedo e Palmeira, levando á rúa unha queixa, xeneralizada en case toda Galicia e, mesmo noutras rexións veciñas. A sanidade está transferida ás comunidades autónomas e son os seus gobernos os que deseñan e marcan os orzamentos para atender estas situacións. Se non son quen de cubrir unha xubilación ou unha baixa do persoal facultativo ou de enfermaría quere dicir que fallan no fundamental: protexer a saúde da cidadanía, un dereito constitucional ao que non se debe renunciar. Se o envellecemento é unha realidade, os gobernos teñen a obriga de deseñar políticas que cubran as súas necesidades.
Esta semana desprazaranse a Santiago para esixir médicos e médicas. Oxalá os atendan.