Casa de acollida

UXÍA CASAL EN OBRAS

BARBANZA

01 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Abafaba entre as catro paredes da casa, mais non era caso saír coa que estaba caendo; mellor faría en calmar a carraxe e dedicar os esforzos a algo máis produtivo que queixarse do tempo. Os gatiños acollidos gañaran peso des que estaban con ela, curáranlles os ollos e a catarreira que traían e xogaban co tarabelo que lles montara o Luís coma se non houbese futuro. Que lindos se puxeran! Cantos traballiños lle dera sacalos adiante! Mais, por sorte, xa estaban encarreirados e en adiante crialos sería coser e cantar, pois xa comían de seu e sabían usar moi ben o areeiro; só cumpría non expoñelos ao frío e á chuvia daquel inverno ruín. Quedou embobada observando os seus enredos, como perseguían as plumas de cores penduradas daquel trebello tan enxeñoso, con que graza alongaban as patas para chegarlle á corda vermella colocada así para que se estirasen e desenvolvesen a coordinación... En fin!, unhas preciosidades, ía custarlle despedirse deles, pero xa sabía que non debía collerlles demasiado cariño.

Mentres botaban unha soneca, rendidos por tanta actividade, foi á cociña prepararlles a cea; o penso de bebé estaba ben, era moi cómodo pero, como quería que medrasen máis fortes e sans, á mestura habitual de croquetas prefabricadas con leite morno engadiulle anacos miúdos dunha carne de primeira mercada esa mesma mañá, cando aínda non se puxera a chover ás cuncas; antes pasouna pola tixola para matar calquera bacteria que contivese, cumpría ser precavida, non fose o demo que... E o Luís, o seu filliño da alma, ía casar; ela pensaba que non estaba polo labor e resultou que si, aínda que non ao xeito convencional; claro que non tiña nada que dicir sobre a súa escolla, deus a librase, o Xosé era un bo mozo, semellaban quererse ben e con iso abondaba. En menos dun mes reuniríanse ambas as familias para coñecérense antes do acontecemento, estaba rabiando por verlles as caras e saber algo máis das súas vidas. Seguro que lle caían ben.

Volveu á sala coa cea nun prato fondo e grandeiro, os gatiños atropeláronse correndo cara a ela coa ansia da fame e pasou un anaco ben entretida ollando como se poñían perdidos coa papa, na que deixara cachiños de carne para iren exercitando o dentame. Con que gana lle daban, mimá! Non puido evitar un sorriso ante a estampa tan tenra dos tres michos devorando coma lobetos e enzoufándose a partes iguais. De seguiren así, farían un prato ben lucido para xantar o día da xuntanza familiar, abofé que si!