Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Triálogo artístico en «Artes»

eme cartea

BARBANZA

Elena Fernández

Unha conversa moi ben avida, fusión de estilos en torno ao libro de artista para unha mostra inaugurada o pasado mes de Nadal no Museo do Gravado de Artes

01 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha conversa moi ben avida, fusión de estilos en torno ao libro de artista para unha mostra inaugurada o pasado mes de Nadal no Museo do Gravado de Artes, destes tres cimeiros autores das letras galegas: Baldo Ramos, Pepe Cáccamo e Antonio Piñeiro, con propostas e experiencias ao redor do libro de autor, e conexións mutuas nos procesos que emparentan a súa creación.

E, como xeneroso presente, unha plaquette de 90 exemplares, de factura única, cun «cadáver exquisito» (poema a tres mans) que ganduxa e arroupa as seis imaxes orixinais de cada exemplar.

P. Cáccamo chega con 17 libros no fardel, unha serie que se orixina no exemplar, Dun mansa estoura almou, de 2022, e que «se apropia de elementos antigos» (cartóns, pigmentos, cadernos...) que nos presenta a modo de deseños caligráficos, signos alfabéticos, debuxos e caligramas (Simmias de Rodas fecit). Poesía visual, fonética e espacial e, mesmo, iconoclasta, síntese de poesía icónica e verbal. Plasticidade da palabra, poesía fonética, co Dadaísmo e o Letrismo de fondo: a palabra como sonoridade musical e non como significado).

A. Piñeiro trae no macuto Calcinación, «reflexión sobre o rol do refugallo plástico e a recondución da obra»: anacos, manchas, bosquexos desbotados, probas de cor.... E aparece nel algo fundamental: a tensión entre o proceso e o acabado do arte-facto, entre o esbozo e a finalización, e todo canto supón de aleatoriedade, de aceptación ou rexeitamento. A obra como froito casual do proceso. Pero Piñeiro extrema os límites da arte ao celebrar e recuperar os materiais sobrantes con vocación de obra en si mesma.

B. Ramos regálanos 15 obras, espigadas da súa dilatada traxectoria, como «unha indagación sobre as posibilidades que ofrece o papel, as tintas, a cor, as grafías e as texturas». A palabra pintada, a xestualidade, o ideograma en cor como ilustración dunha idea, a pintura que fala, o concepto e non o obxecto, o como e non o que da non figuración.

Poetas, pintores e biblioartistas os tres, de seu versátiles e polifacéticos, recorren á polivalencia do signo xunto coa simbiose de plástica e literatura, isto é, ut pictura poesis. Os tres miran ao pasado (colaxe, automatismo psíquico, signo-xesto, materia, azar...) dende a subxectividade e os seus abismos interiores, dende a espontaneidade fresca da nenez (ou da loucura) ata o silencio abraiado da irracionalidade. E co alento expresionista abstracto, dadaísta, surrealista, informalista, tardo/pos/híper/modernista na caluga.

Tres cultores, tres artistas denotados e connotados a sucaren as augas encrespadas desta «modernidade líquida» que rexeita a evolución e a innovación, o progreso sen fin das artes, e conxuga hibridación con eclecticismo, nomadismo con mistificación, deconstrución con adhocismo, máis acordes coa cultura popular, exemplo de beleza mestiza: «O pobo é quen máis ordena» [...]