O difícil camiño cara a igualdade

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

BERNARDO CODESIDO

05 abr 2025 . Actualizado a las 05:05 h.

A pesar de tanto energúmeno que aflora como os toxos na primavera, Xulio contempla o porvir con esperanza. Di que a pesares dos contratempos que sempre houbo, a cordura (ou o remedio menos malo) acabou impoñéndose e todos, sen distinción de xénero, temos os mesmos dereitos, aínda que haxa quen pretende seguir poñéndolle freo.

 Pero non todo o mundo é tan optimista, e os que acaban dándolle a razón pregúntanse cantos non quedaron no camiño por reclamar o que agora temos por dereitos irrefutábeis. Cantos pasos atrás non se dan antes de dar un para diante.

É moi significativo como, na volta de menos de cen anos mudou a maneira de pensar e de relacionar a homes e mulleres. O mesmo Xulio poñía como exemplo cando, convalecente, recibiu dun amigo un ramo de flores cunha tarxeta para desexarlle unha pronta recuperación. Trinta anos atrás a ningún de nós se nos ocorrería mandarlle flores a un varón, pois corrías o risco de que che desen con elas na cara.

Pouco a pouco, imos entrando na cordura sen eses conceptos arcaicos que dividían a sociedade entre machos e submisas, e aínda que xa non se estila o de apartarlle a cadeira a unha rapaza para que sente, aínda hai camareiros que seguen traéndonos a conta ós homes, como se elas non tivesen con que pagar. Nunca esquecerei a sorpresa que se levou un amigo ao ver a unha muller fumando unha Faria cando a única muller que metía un cigarro na boca era a ousada Sara Montiel mentres agardaba polo home que ela quería, pero claro, esa era unha descarada. Outro tanto pasaba coa bebida. Lembrabamos a unha veciña con fama de borracha, a quen as charangas do entroido lle cantaban: «Ai muller miña non bebas viño,/ que che hei mercar uns zocos para pés tan finos./ Ai non meu maridiño/ non quero zapatos nin quero zocos/ e veña viño pros nosos corpos». A esta muller ninguén a trataba con amabilidade nin lle daban creto ao que dicía, aínda que nunca a visen cambaleando. Un trato moi distinto ao dispensado aos homes, incluso cando chegaban á casa facendo eses.

Falábamos, a conta deses costumes a erradicar, e tamén desas cantigas populares que sempre tivemos na boca zumegando un machismo desnortado: «Os amores da muller/ sonche como os da galiña,/ en faltándolles o galo/ a calquera polo se arriman». E agora (nunca é tarde) dámonos conta de que non é eticamente plausíbel andar con tales rimas que algún día fixeron graza, cando non nos decatabamos do machismo que encerraban. Soamente hai que lembrar o popular Caneco que todos coreamos algunha vez, xogando con palabras de enganoso significado.

Cantigas para rir ou para escandalizarse, a pregunta que se facía o amigo Xulio era como se explican estas cantigas nos centros de ensinanza, porque tamén forman parte da literatura popular, e non é prudente borralas dos cancioneiros aínda que se botasen, moitas veces, a modo de mofa e escarnio.

Hoxe ningún estudante entenderá co vello efecto acusador aquela outra que di: «O pexegueiro florece/ e bota follas a desdén,/ estou contigo rapaz,/ mentres outro non me convén». Porque noutrora soamente o home podía presumir de conquistas e ela había de conformarse co que lle chegase.