A vida vai disto

BARBANZA

O asunto pivota nesa frase. Corta, pero con significado. Cun tan amplo como o que cada un lle queira dar

14 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño un amigo que é un pesado. Realmente, creo que todos o temos. No seu caso, non sei si o é por borrarse de plans que el mesmo propón, por ser culé ou por opositar, a cuestión radica en que é insoportable, con todo o cariño que se pode imprimir nese adxectivo.

Pero obviando iso, descubriunos unha máxima que, practicamente se podería tomar como rama filosófica. «A vida vai disto», adoita dicir mentres pega un trago á súa bebida ao tempo que abre un debate acerca de se o feudalismo chegou a existir fóra da Europa occidental.

O asunto pivota nesa frase. Corta, pero con significado. Cun tan amplo como o que cada un lle queira dar. A min, por exemplo, asáltame nos momentos máis intranscendentes do día a día, aínda que con esa cita todos gañan en entidade. Vénme cando preparo o almorzo en Conxo. Tres ovos para un e dous para o outro. Sal e pementa ao gusto. Un par de minutos ao lume e listos para os pratos. Despois, cando os pouso na mesa e me sento a comer, recibo unha reacción que me confirma que «a vida vai disto».

Tamén me invade cando estou na casa, no sofá, e escoito de fondo un canto que, malia estar desafinado, transmite máis sentimento que calquera barítono de ópera. «A vida vai disto», pensei o outro día, nunha churrascada á que asistín convidado por xente á que non vía dende facía tres anos. Non pasara o tempo para eles, porque o trato foi o mesmo que cando compartíamos horas e horas entre balóns .

Por último, teño ese pensamento cando brindo co pesado e cos demais. Porque, como el mesmo repite a cada pouco, «a vida vai disto».