
«A nosa costa é reflexiva, como un espello convexo, sempre hai outra costa fronte á que estamos»
15 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A costa galega é a que máis quilómetros ten de toda España. Máis do 40 % da costa española está en Galicia, e aínda que pareza que somos un curruncho perdido no finisterrae europeo, o noso litoral está cheo de recunchos, moitos deles inaccesibles.
Tamén está cheo de patrimonio cultural, tanto natural como construído, e ata inmaterial. Non é comparable a liña, case recta, do Mediterráneo, nin sequera a do Cantábrico, dende a que só se pode ver a liña do horizonte. A nosa costa é reflexiva, como un espello convexo, sempre hai outra costa fronte á que estamos, sempre vemos outra paisaxe, outras árbores, casas, fábricas.
O noso é un litoral complexo, no que o ser humano deixa a súa pegada dende hai miles de anos, e que nos últimos 200 foi un fervedoiro de ideas e proxectos que, en moitos casos, quedaron arruinados. Nós non podemos deixar que o mar trague eses anacos de historia. Por iso apoiamos a idea da Xunta de que o patrimonio litoral se administre en Compostela e non en Madrid.
A pasada semana asistín ao traspaso de competencias do ministro ao presidente da Xunta, co orgullo do deber cumprido: darlle pautas á Xunta para que entendamos todos que non se pode gobernar coa mesma lei, coa mesma vara de medir, a costa mediterránea que a galega.
Eles teñen unha costa lisa, estática e estragada polo urbanismo. Nós témola complexa, dinámica e con posibilidades de excelencia. O noso patrimonio litoral merece unha segunda oportunidade. Toca actuar con sentidiño e non fiar todo o tesouro ao turismo, se non queremos repetir erros xa cometidos noutros lugares.