
O aumento das historias de fantasía anima ás novas xeracións a ler
23 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Cando os libreiros de Barbanza valoran a situación na que se atopa o sector hai un dato que destacan, pola gran implicación que pode ter de cara ao futuro: o incremento que veñen detectando na venda de libros destinados a nenos e mozos. Sinalan que detrás desta tendencia está o aumento dos títulos do xénero fantástico.
Tanto é así que os profesionais do sector apuntan cara as mulleres, con idades comprendidas entre os 12 e os 25 anos, coma o colectivo que máis literatura consume en Barbanza. «Buscan sobre todo libros de fantasía, algo de romance e tamén poesía ou manga», sinalan desde El Cisne de Boiro.

Cipriano Pose, da libraría Ler pobrense, engade como un dos segredos do éxito que está a rexistrar a literatura xuvenil os novos formatos que están vendo a luz: «Volumes encadernados ao estilo tradicional, cunha estética antiga, que fomentan a idea de coleccionar». Cita, como exemplo, Alas de sangre, de Rebecca Yarros, todo un fenómeno no eido da literatura fantástica xuvenil que está a ter un gran tirón en Barbanza.
Os libreiros destacan a importancia que ten enganchar aos nenos á lectura en papel, pola importancia que para este colectivo teñen as novas tecnoloxías no día a día. Algúns, como a boirense Rosa Tubío, amósanse convencidos de que a situación incluso mellorará cando comecen a adoptarse as medidas de restrición de pantallas nos colexios e institutos que ten anunciadas a Xunta de Galicia.
Rianxo volve citar a libreiros e escritores entre o 24 e o 27 de xullo
Tanto para os libreiros como para os escritores, as feiras do libro que cada ano se celebran en Galicia convértense no escaparate perfecto para amosar os seus produtos e entrar en contacto directo cos lectores. Desde hai uns anos, Rianxo é a única localidade de Barbanza que entra no calendario deste tipo de citas, que son froito dun convenio entre a Federación de Librarías de Galicia e a Consellería de Cultura.
O berce de Castelao dará cabida a unha nova edición da súa Feira do Libro entre o 24 e o 27 de xullo. Os postos instalaranse na praza Castelao, onde se desenvolverán, de forma paralela, diferentes actividades de carácter lúdico e cultural para promover a afluencia de visitantes. No mesmo fin de semana celebrarase a exaltación da xouba.