O Bruón Folk Fest de Artes poñerá en valor a riqueza da tradición oral na súa segunda edición
BARBANZA

Terá lugar o 9 de maio coa presenza de Nel Vidal, Carlos Callón e Lupe Blanco
25 abr 2025 . Actualizado a las 19:26 h.O Bruón Folk Fest, que terá lugar o 9 de maio na localidade ribeirense de Artes, poñerá en valor a riqueza da tradición oral na súa segunda edición. Así o explicaron Ventura Otero e Jorge Maño, membros da asociación Os Liantes, nun acto no que tamén estiveron presentes a concelleira de Cultura, Antía Alberte, e o tenente de alcalde Francisco Suárez-Puerta.
Para falar da palabra cantada haberá no centro recreativo de Artes unha mesa redonda moderada por Nel Vidal, membro da sección de lingua, literatura e comunicación do Consello da Cultura Galega. Estará acompañado de dúas figuras de recoñecido prestixio, como son o investigador, escritor e presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística Carlos Callón, e Lupe Blanco, referente da regueifa actual e gañadora de tres premios.
A organización corresponde a Os Liantes e a concelleira Antía Alberte indicou que o Concello contribúe economicamente e na «posta de ideas». O edil Suárez-Puerta falou da deslocalización de actividades do centro de Ribeira e indicou que o Bruón é unha festa familiar.
Pola súa banda, o secretario de Os Liantes, Ventura Otero, comentou que O Bruón Folk Fest reafirma a súa aposta por ser máis que un simple festival de música «converténdose nun espazo para a reflexión, a divulgación e a celebración da cultura galega».