O pobrense Simón Fernández elabora un traballo no que propón converter as naves do Areal nun «museo vivo»
24 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.As naves do barrio dos Cataláns conforman a historia industrial dos século XIX e XX de A Pobra. Na praia do Areal os emigrantes mediterráneos crearon unha pequena Cataluña galega, onde potenciaron a industria da sazón. Dos vestixios do pasado quedan tres edificios industriais, que o proxecto de rehabilitación da marisma das Xunqueiras prevé derruír na súa segunda fase, para así deixar máis espazo ao areal do casco urbano.
O actual alcalde da localidade, Xosé Lois Piñeiro, expresou en repetidas ocasións a vontade do novo goberno de conservar as naves, debido ao seu valor histórico e patrimonial. Están á espera de financiamento e de ter un proxecto que conecte as edificacións coa historia da vila e co mar, requisito de Costas para poder conservalas.
O pobrense Simón Fernández Castro é un estudante de arquitectura radicado en Barcelona, cidade onde lle espertaron unha paixón moi forte polo patrimonio: «En Cataluña hai moito coidado con manter o pasado industrial. Trala desindustrialización que viviron a finais do século XX comezaron a aproveitar eses edificios para outro tipo de fins».
As Xunqueiras
Castro enfrontábase á decisión de coller un tema sobre o que facer o seu proxecto de final de carreira: «Este traballo soe levar preto de un ano e medio, polo que lle din moitas voltas á temática. Quería facer algo útil e real. Cando vin que a oposición ao anterior goberno quería manter en pé as naves, decidinme a coller esta temática».
Defende que o plan actual é o camiño fácil para reformar a zona. «Darlle máis espazo á praia é o máis sinxelo, pero as naves forman parte da identidade e da historia da vila, deberían conservarse». Este proxecto motívao moitísimo: «É un plan para Galicia e para o meu pobo, quero mostrarlle aos meus veciños un entorno novo. Todos recordamos O Areal da mesma forma e cambiar esta concepción é un reto moi complicado e que me motiva aínda máis».
O seu plan é unir as tres naves e crear un «museo vivo», onde a tradición marisqueira da zona e o turismo poidan ir da man. O rexedor pobrense asegurou que estudará a proposta moi seriamente. Definitivamente hai plan para o barrio dos Cataláns.
O marisqueo como atractivo turístico
O proxecto de Simón Fernández sostense sobre tres patas onde a primeira serían os mariscadores da praia de O Areal: «Estiven conversando con eles para que me comentasen as súas demandas, está proxectada unha zona con duchas e armarios para que a poidan utilizar. Ademais gustaríame que o museo funcionase tamén para que os turistas puidesen contactar cos mariscadores e desta forma facer rutas pola zona onde traballan».
O segundo pé que sostería a nave sería a conserva artesá. Dentro do museo, Simón Castro prevé un espazo con vidros e unha pequena factoría onde se puidesen realizar conservas artesanais cos produtos da zona de O Areal. Sería algo testemuñal, para que os turistas puideran seguir o proceso produtivo e ademais mercar unha pequena mostra do marisco.
Negocio hostaleiro
O último piar que sostería o proxecto sería un negocio hostaleiro ao uso, onde a xente da vila puidese achegarse para aproveitar un entorno único e saborear as delicias da comarca. En definitiva, Simón Castro pretende que as naves se convertan nun referente da cultura mariñeira. «Prefiro ser ambicioso nisto, hai quen fai grandes proxectos de inmensos edificios en Viena, eu prefiro facer algo realista, cunha utilidade para os veciños de A Pobra».
Asegura que a rehabilitación das naves é algo útil e barato, e que espera «que non se quede na superficie. Pode tratarse dun cambio profundo. Os arquitectos de agora buscamos novas formas de traballar, pensando sempre na función dos nosos traballos para a sociedade que ven».