Xosé Antonio Neira Cruz gaña o segundo certame Carlos Mosteiro

A POBRA DO CARAMIÑAL

carmela queijeiro

A obra do recoñecido escritor compostelá foi elixida de forma unánime entre as 12 que concorreron

03 jul 2019 . Actualizado a las 14:16 h.

A segunda edición do certame de literatura infantil e xuvenil Carlos Mosteiro, promovido por Barbantia e polo Concello da Pobra, xa ten gañador. Trátase do compostelá Xosé Antonio Neira Cruz, un escritor que conta xa con diversos premios e cun feixe de novelas e libros de relatos publicados. O seu traballo, titulado O enigma do baúl pechado, foi elixido polo xurado de forma unánime, de entre os 12 que concorreron.

Francisco Castro, director da editorial Galaxia; Patricia Mallo, gañadora da pasada edición do Carlos Mosteiro; e Pilar Sampedro, vogal de Barbantia e especialista en literatura infantil, reuníronse na casa consistorial da Pobra e, despois dun intercambio de opinións, deron a coñecer o seu fallo. Do relato gañador destacaron que se trata dunha obra que entronca coa literatura galega de realismo máxico, abordando un amplo abano de temas que van desde a amizade ata o multiculturalismo, pasando polo poder das palabras e polo relación interxeracional entre nenos e avós. Tamén fixeron fincapé na linguaxe poética e a cantidade de recursos líricos empregados polo escritor.

O relato de Neira Cruz, que ten entre os seus galardóns os premios Merlín e Lazarillo, comeza nun vertedoiro, cun cofre que só se pode abrir cando se xuntan rapaces de diferentes culturas.

Tanto pola calidade das obras presentadas coma polo prestixio do escritor que gañou, o Carlos Mosteiro demostra estar trazando unha traxectoria ascendente.