José Ferreiro: Un sacerdote que deixou unha fonda pegada en Boiro

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

No disponible

Foi o primeiro párroco do municipio que oficiou unha misa en galego

26 dic 2018 . Actualizado a las 10:55 h.

José Ferreiro García chegou a Boiro no ano 1987 e aínda que só estivo seis anos ao cargo da parroquia de Santa Baia do municipio barbancés, o seu traballo deixou unha fonda pegada entre os seus veciños. De feito, foi o primeiro sacerdote que impartiu unha misa en galego, e aqueles que o coñeceron destacan «o seu profundo amor por Galicia, e pola igrexa».

Ferreiro naceu na parroquia de Santa María de Soutullo, en A Laracha, e tras estudar no seminario de Santiago, ordeouse sacerdote en agosto de 1959. O seu primeiro destino estivo na cidade compostelá, no Castiñeiriño, e logo de traballar noutras vilas recalou en Boiro. O cura Marcelino Sánchez coincidiu con el e destacou que era unha persoa moi querida, sinxela e humilde, ademais de moi culta. «Sabía moitísimo de historia, arte, teoloxía e filosofía», apuntou, ademais de sinalar que sempre estaba axudando ás persoas máis pobres.

A enfermidade da súa nai fixo que José Ferreiro cambiara Boiro pola parroquia de Santiago de O Burgo, en Culleredo, onde estivo traballando 23 anos ata que lle chegou a hora da xubilación. Precisamente alí celebrouse onte o seu funeral. O venres, ás 12.00 horas, terá lugar outra misa na igrexa de A Milagrosa de A Coruña oficiada polo arcebispo de Santiago.