Adeus Terceira, adeus

Estevo Silva Piñeiro SOSPECHOSO HABITUAL

BOIRO

13 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte os seareiros do Boiro despedímonos da Terceira División. Fixémolo como soemos facer, apaixonados tanto na vitoria coma na derrota máis clamorosa, inaccesibles á tristura e pandémicos no festexo.

Porque, aconteza o que aconteza e sexa na división que sexa, sabemos que a vindeira tempada o balón volverá rodar no municipal. Retornarán os cánticos a Barraña e retumbará o bombo; soarán as palmas; celebraranse os goles. Porque disto vai o fútbol máis que de categorías, mal que lle pese a moitos directivos de garabata que especulan coas paixóns das afeccións do país coma con todo o demais. Mais o fútbol, como debería ser todo, é do pobo, e non rematamos de darnos de conta. Se non hai espectadores, non hai espectáculo. Se nós non estamos, nada continúa. A afección é absolutamente imprescindible dentro dun club. O marcapasos que evita a parada cardíaca no último intre. E como respire, respirará o club. Estou convencido de que coas gradas valeiras, neste intre este equipo sería xa unha lembranza.

Este é o extraordinario patrimonio do C.D. Boiro, a nosa pertenza máis prezada. Temos que ter certa fachenda de que para os equipos rivais os partidos en Barraña non sexan unha xornada máis. A Barraña veñen xogar con todo; a gozar do deporte que practican. Mesmo os árbitros veñen a gustarse.

Agora os seareiros entramos no letargo estival, namentres os que dirixen o club nesta etapa difícil traballan para preparar unha escuadra competitiva para a vindeira tempada. Iso si, sempre cun ollo aberto. A vindeira tempada será moi divertida, de seguro.