O libro de Manolo e Isabel

Joaquín Riveiro PEÑA OS LUNS Ó SOL

BOIRO

13 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cincuenta anos, apenas un suspiro… Polo menos esa é a percepción das persoas que temos superado esa idade. Outra percepción, esta xeralizada, é a redondez dese número e a tendencia a consideralo un fito; sexa aniversario, vodas de ouro ou calquera efeméride. Por iso, toda a familia que dun xeito ou doutro formamos parte do Bocacho sente unha gran ledicia no día de hoxe. E dende a Peña Os Luns ó Sol, unha pequena rama da familia que naceu a carón das súas orixinais mesas, antes de nada, darlles os parabéns e desexarlles outros cincuenta anos de Bocacho.

Pero tamén debe ser esta unha alegría para todos os veciños de Boiro, mesmo da comarca. Que un negocio familiar chegue a tan lonxeva idade merece sacarse a boina e aplaudir. Non é doado e poucos chegan a celebralo. Para que iso sexa realidade fai falta moito traballo, moita constancia e moita ilusión, pois doutro xeito non sería posible superar tódolos problemas que xorden nun camiño con tramos de pedras e lisos.

Un libro que comezou a escribilo Manuel Vázquez, en pouco tempo chamado Manolo o do Bocacho. Home emprendedor, con don de xentes e trouleiro. Pero para acadar o éxito facía falta outra metade e esa foi Isabel Dieste, Isabel a do Bocacho, unha muller prodixio, desas nunca ben loadas, que foi quen de cociñar tan ben como de ser nai, ¡qué xa é dicir! Sete boas persoas na parte vital e a lembranza das súas tapas no imaxinario de Boiro son as súas credenciais.

A historia do Bocacho son tapas de orella, de callos, do caldo de Aninovo, de partidas de bolos, dos viños e cafés compartidos, de faladoiros, do terraceo, das caralladas, das gargalladas e de probar sorte á lotería. Pero sobre todo, Bocacho é familia, amizade e sentir a quentura dun fogar. Bocacho é moito máis que un bar, é a casa de todos os que queiran formar parte da familia. Agora, xa con Isabel filla á fronte, Taberneira con maiúscula e sempre arroupada polos seus irmáns, o establecemento segue en liña ascendente.

Pero o Bocacho tamén é proba de que houbo un tempo no que unha parella traballadora, cun pequeno negocio, era quen de vivir, de criar e de formar a sete fillos con éxito.