Xan e Moncho levan os cans ao veterinario

BOIRO

No disponible

30 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Xan da Fonte e Moncho do Brión eran veciños e amigos desde pequenos. Naceron cerca da aldea de Acuncheira. Nos arredores estaban as de Mieites, A Silva e Comoxo. Nese territorio transcorreu a súa infancia, mocidade e mesmo parte da súa madurez. De rapaces xa eran recoñecidos polas súas trasnadas, case sempre relacionadas coa comida: asalto de hortas con froita, de viñas cando as uvas están maduras e mesmo de capoeiros para coller ovos. Todo o que lles podía tapar o enorme buraco que tiñan no estómago era bo para eses dous ghalopíns.

Mais un día pola mañá os seus pais déronlles unha gran sorpresa. En vez de envialos co gando ao monte, mandáronos a Boiro cos cans das dúas familias para vacinalos contra a rabia. Déronlle a cada un 12 pesetas para pagarlle ao veterinario. Era a conta xusta. Descenderon á vila pola costa de Espiñeira e cando pasaron diante da panadería das Quintela, ao lado do vello Concello, viron nun cesto de vimbios unhas bonitas barriñas de pan que lles espertaron a fame.

Seguiron andando por Cimadevila e ao pouco tempo, Xan díxolle ao Moncho: «Oes?, e se lle dicimos ao veterinario que só nos deron 11 pesetas e cando volvamos mercamos cadansúa barriña e pegámonos unha boa panchada de pan?». O Moncho replicoulle: «Como lle imos dicir iso? E se nos descobre?». O Xan explicoulle: «Mira, eu vouno facer. Pero se ti non o fas, a min despois non me pidas un cacho, porque non cho vou dar, entendido?». O seu compañeiro cambiou de idea e aceptou a proposta.

Cando chegaron fronte ao estanco de Ermitiñas, no Caño, antes de enfilar a pasantía d’A Rúa, que daba servizo a todas as fincas que había detrás das casas, terras que a meirande parte delas pertencían á familia dos Sánchez e que terminaba na actual rúa do Cruceiro, ao carón da casa dos da Rúa, discutiron a ver quen se presentaba primeiro diante do veterinario don Marcial, que vivía na casa anterior á dos antes citados, na destes residía Fernandiño da Rúa. Lembrades, compañeiros, aquel home pequeniño que andaba cunha gorra, unha funda e unha carretilla cunha vasoira feita de xestas? Traballaba para o Concello de varredor e era desa casa.

Xusto na entrada da pasantía, arestora pechada, Moncho preguntoulle a Xan, «quen vai primeiro?». «En vistas de que ti non queres, vou eu», contestou convencido Xan. E alá foi. Cando lle entregou as 11 pesetas ao veterinario, este reclamoulle: «Aquí falta unha peseta!». «A min foi o que me deron, don Marcial», explicóuselle. E o veterinario respondeulle: «Está ben, xa veremos como imos facer para recuperala». Despois entrou Moncho e entregoulle outras 11 pesetas. Don Marcial comentoulle que faltaba unha, pero engadiu: «Contigo non hai problema, xa lla descontaremos a túa nai cando veña traer o leite».

Logo de chegar ás súas casas cos cans vacinados e fartiños coas barriñas de pan, os país dos dous ordenáronlles levar as vacas ao monte. Mentres o irmán maior retiraba o gando das cortes, Moncho, que xa estaba de acordo con Xan, subiu á barrola e de entre a palla recolleu unha ducia de ovos. Despois marcharon contentos detrás das vacas que conducía O Sirolas, como pasados os anos se coñecía na aldea ao irmán de Moncho. Os dous amigos pararon na Revolta, onde tiñan agochado un cazo que, unha vez cheo de auga, puxeron enriba dunhas pedras e sobre unha cova como a de pór a pota da caña, pero máis pequecha. Recolleron leña ben seca, para que non fixera fume e prendéronlle lume. Cando os ovos estiveron cocidos, escorréronlle a auga e despois metéronos no río que pasaba polo lado da covecha, para arrefrialos, e máis tarde papáronos todos. Empallaghaban un pouco, pero había auga para beber ao lado. Nada lle dixeron nin deron ao Sirolas, porque era un acusón e íallo dicir á nai de Moncho.