O Olloboi pon en marcha a súa maquinaria

BOIRO

Marcos creo

A organización fixou para o 10 de xuño a celebración do festival dirixido ao eido escolar galego

02 feb 2022 . Actualizado a las 15:08 h.

A maquinaria do Olloboi volveu a poñerse en marcha co obxectivo de celebrar o 10 de xuño, en Boiro, unha nova edición do festival que busca promover a creación audiovisual no sector educativo de Galicia. Aínda que desde a organización advirten de que o programa estará condicionado pola evolución da pandemia, tamén avanzan que a idea é que teña a estrutura das edicións da era precovid.

A xornada arrancaría polo tanto coa Muchachada, un encontro entre cineastas, estudantes e veciños co obxectivo de realizar pequenas pezas audiovisuais. Pola tarde tería lugar o festival, con proxección das curtas finalistas, entrega de premios e actuacións musicais.

Pero antes, estudantes, mestres e mesmo administrativos dos centros de ensino de Galicia teñen que cumprir o seu cometido, que non é outro que compartir a través de internet, nas plataformas Vimeo ou YouTube, os seus traballos audiovisuais. Aceptaranse pezas realizadas nos últimos tres anos, sempre e cando non foran presentadas a edicións anteriores do certame. A maiores, os participantes terán que inscribirse na páxina olloboi.com, tendo en conta que o prazo para facelo rematará o 31 de maio.

Dez premios

Aínda que a contía dos premios non está clara, pois dependerá dos patrocinios e axudas que consiga a organización, nas bases establécense dez categorías: Peque, para infantil e primaria; Plus18, para centros de ensino superior e profesorado; Xubiloi, para mestres que non estean en activo; e Xeral. Nesta última sección figuran galardóns enfocados á interpretación, imaxe, música, guión, animación e documental, así coma o Xamburriori, a distinción especial que concede directamente a asociación Olloboi.

Aínda que a temática e a lingua a empregar é libre, a organización advirte de que se valorará o emprego do galego, así como contidos relacionados coa sensibilidade medioambiental e social ou co respecto cara os dereitos dos animais; cuestións que podería inclinar a balanza en caso de empate.