Sanches, dille que non!

BOIRO

Lorena Cendón

06 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Josefita do Petón Sanches e Poldy Cancelas, o Rubio para o seu sogro por aquilo da longa melena loira que lucía cando mozo, vivían xuntos (en pecado, como se dicía antes) desde había un bo lote de anos. Pero un día decidiron que debían formalizar a súa unión por, sobre todo, esquivar que Facenda lles rapiñase tantos cartiños ao non poder facer a declaración da renda conxuntamente. Nun primeiro momento pensaron en acollerse á figura de «parella de feito», pero logo renunciaron a este modelo polo enorme papeleo que esixía, e finalmente optaron polo camiño máis curto e sinxelo: casar polo civil no xulgado de paz de Boiro.

Cando acordaron coa autoridade competente a data e a hora para levar a cabo o enlace matrimonial, acudiron puntuais á casa do Concello. Diante do xuíz de paz, un home venerable que os coñecía e a quen tamén eles coñecían, presentáronse os noivos acompañados polas súas testemuñas e á vez padriños da cerimonia: Sabeliña da Pedra da Bouza e Farruquiño de Reboredo, cos que estaban anoados polo lazo dunha longa e fonda amizade.

O xuíz dirixiuse en primeiro lugar a Poldy e fíxolle a pregunta de rigor: «Quere vostede a Josefita do Petón como esposa?». E el respondeu alto e claro: «Si. Quero». E logo mirou para Josefita e formuloulle a mesma cuestión: «Quere vostede a Poldy Cancelas como o seu marido?». Mais cando ía dar o si, sentiu que Farruquiño lle rebeliscaba no brazo á vez que lle soltaba na orella: «Sanches, dille que non!». E vai ela toda inocente e soltou un sonoro «non». Todos quedaron tronados. Poldy non sabía para onde mirar. O xuíz deu un pequeno brinco e caéronlle as lentes. Logo xurou en arameo entre dentes. E lembroulles que o acto non era un cachondeo, senón unha cousa moi seria. Logo accedeu a escenificar outra vez o mesmo ritual.

E Josefita repetiu de novo o que lle pediu o seu padriño de voda. Cando chegou o momento dixo «non». Poldy suaba en frío. O xuíz ameazou con aprazar o casamento para outro día, e dixo que dese xeito, tomado como unha chufa, non se ía celebrar. Non obstante, prometéronlle que á terceira vez sairía ben e foi entón cando se calmou e aceptou a petición dos alí presentes. Cando lle preguntou a Josefita se quería a Poldy por marido, ela contestou cun rotundo «si, quero. Quero a Poldiño como o meu homiño!». O que non sabemos nin saberemos é que tería ocorrido se Farruquiño lle volvera a insistir por terceira vez co seu «dille que non!».

Despois de saír da casa do Concello, Josefita, Poldy, Sabeliña e Farruquiño marcharon para Portugal onde pasaron un par de días percorrendo as terras de Paredes de Coura e Ponte da Lima. Cando regresaron do país veciño, reanudaron a súas rutinas cotiás. Os recén casados tiñan un par de cadeliñas, ás que coidan e miman con esmero. Tantos os canciños deles coma outros que viven nos pisos da vila teñen moita sorte, porque pasan unha vida moi doada. Ademais, Josefita entende de maravilla a todos os que andan polas rúas. Tenos enfeitizados cunha pílula doce que sempre lles dá de comer cunha man mentras os acariña coa outra.

Pero hai outros que teñen precisamente iso, unha vida de cans. Neste eido, é coñecido o caso dun veciño das aldeas do monte, que lle chaman Pepe dos Ovos, a quen un día un compañeiro de traballo nunha conserveira de A Pobra, Ramiro o Caghatinta, lle comentou: «Oes Pepe, sabes que nunca vin un can comer pan só e menos se este é reseso!». Entón o dos Ovos respondeulle axiña: «Coño Ramiro, será porque están ben mantidos!». «Como é iso?», inquiriu o Caghatinta. E Pepe replicoulle: «Ramiro, o noso come de todo, mesmo as tonas das patacas. Está atado na horta ao carón do cocho, un bidón do piche. Cando se esquecen de botarlle os restos da comida, debe pasar unha fame neghra, pois entón roe no seu rabo. Mira como será a fame, que xa leva roído máis da metade!».