Encontro de tres amigos mancados na baiuca

BOIRO

MARCOS CREO

24 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de case un ano sen miralo, o Pichón de Quintáns topouse co Faneco Bravo de Pasos nunha mañá de mercado na rúa principal da vila. Os dous fixeran xuntos a mili no cuartel das Dores, en Ferrol. Tras intercambiar saúdos e as típicas preguntas, entraron no Ría do Fufa para celebrar o encontro. O Faneco tiña un brazo mancado, pois levábao en estribeira. E o Pichón pola súa parte andaba con dúas muletas. Pediron un par de cervexas e sentaron a falar.

Contoulle o Pichón ao seu amigo que tiña as muletas porque o sábado anterior enganchara unha borracheira tan completa que se esnafrou contra dun dos bancos de pedra que hai na rúa. Fisurou unha cadeira, escordou os dous nortellos e inflóuselle un dos xeonllos. Atopouno a Policía Local sen sentido tirado no chan e trasladárono ao centro de saúde. E ademais rabuñou o nariz, o que aínda tiña de cor vermella coma o dun pallaso.

O Faneco pola súa banda contoulle que tronzara o brazo por dous sitios. Ocorreu nunha noite tras saír do bar Quinteiro: montou na súa Derby Diaño e en Reboredo encaixouse contra un muro con tan mala sorte que a moto lle caeu enriba dun ombreiro e dislocoullo. Como consecuencia pasou unha semana na cama, pero asegurou que xa estaba para outra. Quinto vai, quinto vén, pasaron o día enteiro de bar en bar. Achegábase a escuridade cando entraron na tasca Nós Nunca Pechamos. O dono era un coñecido de cando eran mozos: Pacucho Sacosinfondo, porque non paraba de comer nin de beber, entre outros dos vicios que cultivaba.

Dentro do establecemento estaba Turito o Cachopo pegado a unha cadeira de rodas. «E logo que che pasou?», preguntoulle o Pichón. O Cachopo relatou que na pasada fin de semana, cando regresaba para a casa nunha noite sen lúa, «subindo pola costa dos Pendóns metinme nun camiño que pasa por detrás do cuartel da Garda Civil e rolei por entre os outeiros e os toxos até bater contra duns carballos. Puiden morrer, pero rescatoume un garda civil que escoitou os meus berros pedindo auxilio. Rompín tres costelas, teño un pé esnaquizado e un xeonllo inflamado. Quédame máis dun mes para andar na cadeira de rodas», explicou.

O Cachopo informounos de que o mes anterior viñera á tasca e trouxera a súa Luíña. E que mentres conversaba con Cuca a Peideira, unha viúva de falar nasal coa que xa tivera unha aventura sexual, esqueceuse da cadela. Só mirou por ela cando se ergueu da mesa para liscar para a casa. Non a viu por ningún lado. Finalmente atopouna no Canellón do Vento deitada e desfeitiña. Ao día seguinte pescudou que fora un castrón da Fonte da Pena, a quen lle introduciran na bebida unha viagra para cabalos, o que violara a Luíña. Cando os tres saíron da tasca, o Faneco pediu un taxi, o Pichón enfilou pola rúa dos Latoneiros cara ao seu piso e o Cachopo dirixiuse á costa dos Ofresidos, para que non o viran os que facían garda no cuartel.

Un par de horas máis tarde parou diante da baiuca o camión do lixo. Pepiño dos Anxos e Se vades ás Ozores Illas, logo de baleirar os colectores no camión, viron ao lado da entrada dun garaxe unha cadeira de rodas, dúas muletas e unha escaiola chea de letras. Preguntáronlle a Sacosinfondo se ese material era para tirar e este díxolles que si. E botárono enriba do lixo.

Mais ao día seguinte os tres colegas chantáronse no Nós Nunca Pechamos para reclamar as súas pertenzas. Pero Pacuchiño, ilustrado fillo da parroquia La Pequeña Perla de Coimbra, botounos fóra: «Ide beber ao bar de en fronte. Onte, borrachos, deixastes os vosos instrumentos. Se onte vos sobraban, hoxe tamén. Mangantes!», sentenciou.

Entón os tres acordaron denunciar os feitos diante da Garda Civil. Os máis interesados eran Pichón e Cachopo, porque as muletas e a cadeira eran da Seguridade Social. Indicoulle ademais Cachopo que o Ía denunciar por práctica de zoofilia, pois considerábao culpable da violación da súa cadeliña.