Níscaros durmidos

Gonzalo Trasbach
GONZALO TRASBACH (IN) SOMNIUM

BOIRO

ALVITE

13 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunha tarde chuviosa e ventosa de outubro. Os níscaros dormen entre a herba nos carreiros dos montes por enriba de Trebonzos e Ferreiros. Andando entre os piñeiros escoitas como van avanzando ecos das pisadas polo corredoiro da memoria. Unha débil luz ilumina as figuras sombrías dos seres que se moven polos pasadizos. E ves en primeiro lugar a Juanita A Peiteada saíndo da súa casa do Souto. É pola mañá cedo. Entra nun cobertizo e reaparece na parte de atrás da súa vivenda. Ceiba do alpendre as galiñas e bótalles o millo diante das viñas que caen ata fronte das Cortiñas, na beira do camiño que vai para as Bouciñas.

Non moi lonxe de alí, observas que Lula, a filla do Caneo e irmá do Pichalro, está cos brazos apoiados no piar da ventá do segundo andar da súa casa mirando para a ría. Aló no fondal, o mar brilla baixo o sol de xuño. Un pouco despois, as dúas veciñas saúdanse, falan e quedan para ir ao mercadiño de Boiro no autobús das 10.30 horas. Logo A Peiteada enfilou cara ao medio da aldea. Preto do vello muíño de Vitorio, tomou o camiño da dereita, que acaba na casa do sobriño Antonio. Ao seu carón Juanita herdou a casa e os cobertizos dos seus tíos solteiróns. Nun dos pendellos garda as súas ovellas. Pero antes de chegar ás súas propiedades, ten que pasar pola parte de atrás da casa da Carmona. Atopou a esta sentada nas escaleiras polas que accedía ata a horta, no outro lado da calzada. Un pouco recostada no primeiro chanzo, Carmen tiña un amorodo na boca e a mirada perdida nun punto indefinido.

A viúva de Xullo o Calseteiro non respondeu ao «bo día!» da Peiteada. Esta pensou para ela: «Debeu erguerse de malas». Despois sacou os animais do alpendre e levounos para unha leira que estaba na agra do Canto. Atounas nunhas estacas e volveu para a casa. Cando viu que a Carmona seguía na mesma postura e co amorodo na comisura dos beizos e que tampouco lle respondeu ao novo saúdo, murmurou para ela mesma: «Para min que debe estar morta».

Con ese mal presentimento regresou ao lugar do Souto. Na fiestra xa non estaba Lula e a vivenda tiña a porta pechada. Imaxinou que posiblemente xa marchara para a parada do autobús. Mirou o reloxo e veu que aínda tiña media hora por diante. Entrou na casa, mudouse de roupa e saíu para O Bodión. No cruzamento fronte á casa vella da Martela estaba a xente agardando polo autocar, que viña desde Cespón. Mirou e non viu a súa veciña entre os que esperaban nos arredores da marquesiña da parada. Tampouco apareceu cando subiu ao autobús. Pensou que talvez fose para a vila coa súa filla ou con outra persoa calquera da aldea que ía para Boiro.

Cando baixou fronte da casa do Concello, Juanita dirixiuse cara á praza de Abastos. De paso que miraba polos peixes que había nos postos, tamén buscaba por a Lula. Mercou uns chinchos e unhas fanecas e logo meteuse entre os chiringuitos do mercadiño. Nunca se topou con Lula. Cando volveu tomar o bus para regresar para a casa continuaba sen saber nada da súa amiga. Chea de inquedanza subiu a costa desde O Bodión até O Souto. E cando viu a filla pequena de Lula chorando na porta da casa, entón confirmáronselle todas as súas sospeitas.

Ocorreu que Lula aparecera sen vida tombada na cama. E murmurou para ela: «É coma se sentise que viña a morte. Saíu á ventá para despedirse de min. Finou mentres se vestía». Uns minutos despois tamén soubo que a Carmona, tal como xa intuíra, tiña falecido cando pasou por diante dela e tiña o amorodo entre os beizos. E falou lentamente para si mesma: «Hai que ver as cousas que pasan en tan pouco tempo! Nas primeiras horas da mañá falei con dúas mulleres que estaban vivindo os derradeiros instantes das súas existencias. Ámbalas dúas colleron o mesmo autobús. Pero nunca saberei en que parada baixou cada unha delas».