![](https://img.lavdg.com/sc/_PvzFmxDtUnnukwtP77pl51EjNQ=/480x/2023/03/25/00121679750521918102251/Foto/BM26C12F1_1.jpg)
A boirense desenvolve a súa actividade con éxito en tres eidos vinculados coa imaxe e a literatura
26 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Se xa custa dominar unha disciplina, máis custa dominar tres. Mais ese non é o caso de Charo Lopes (Boiro, 1988), que se move coma peixe na auga tanto no xornalismo coma na fotografía e a poesía. Pola contra, a autora non lle dá moita importancia a esa imaxe ideal da nena que sempre soñou con ser unha grande artista, senón que se define coma unha filla das súas circunstancias: «Eu tiven condicións favorables na miña familia que me permitiron formarme en xornalismo».
Pensa que o ascensor social que antes supoñía a entrada na universidade xa non funciona e explica que antes de poder dedicarse plenamente ao que lle gusta tivo que pasar por diferentes traballos, como o de camareira: «Na miña xeración xa se empezou a desfacer aquilo de que se estudabas ías ter unha vida mellor».
Aínda así, sinala que o que a levou a decantarse por gañarse a vida no eido da comunicación foi a súa paixón pola lectura e unha tendencia á introspección. De todos modos, pensa que non hai que caer na competitividade e que chegar a cumprir as súas metas non foi cuestión de mérito, senón a conxunción de moitos factores sociais e circunstanciais.
Axenda laboral
A boirense, séntese unha afortunada, xa que despois de varios anos loitando foi quen de converterse en autónoma e vivir do que máis lle gusta: a comunicación. O groso do seu traballo provén da Asociación Galega da Lingua, así como da editora A Través e do Portal Galego da Lingua, proxectos que lle permiten traballar de acordo aos seus ideais e manter unha estabilidade económica.
A boirense conta tamén cun amplo percorrido como fotógrafa, sendo o seu traballo máis actual as imaxes capturadas para o proxecto Y se armó la gorda, cuxo obxectivo é que as mulleres poidan sentirse ben na súa propia pel e celebrar e amar o seu corpo sexan como sexan. O empoderamento feminino tamén protagoniza o seu proxecto Unaqualquer, no que a artista fai retratos a donas a través dun acercamento case persoal.
Lopes tamén colabora con cooperativas como Rexenerando, dedicada a facer intervencións sociocomunitarias e afincada en Ferrolterra dende o 2014. Un exemplo da súa obra para esta entidade é a publicación Seis cafés. Etnografía dos coidados para tempos de pandemia, na que a artista representa sen palabras o que significou a emerxencia sanitaria na época covid.
As súas dotes comunicativas permitiron que a barbancesa presentase varios actos públicos, como Conexións/Conexões, un evento de encontro entre a xuventude de países da lusofonía, así como un congreso sobre a Idade Media organizado pola Deputación da Coruña. Lopes é humilde e case non fala dos seus méritos como poetisa durante a entrevista, mais a escritora leva anos triunfando nos concursos de toda Galicia, entre os que destacan o Fiz de Vergara Vilariño en 2015, onde acadou o primeiro posto coa súa obra De como acontece a fin do mundo.
Cinco anos despois, a boirense foi galardoada co Premio de Poesía Cidade de Ourense, coa súa obra Álbum, na que combinou ilustración e expresión escrita para transmitir mensaxes.
Creación continua
Xa máis preto da actualidade, a artista participou como coeditora, xunto a Sechu Sende e Xiao Berlai, dunha publicación monográfica que conta a vida de Leandro Lamas, un pintor ferrolán moi recoñecido: «Trátase dun libro xoia, porque amosa a obra do autor».
Como poeta, participou nos últimos meses en tres antoloxías: un libro editado pola Sociedade Cultural e Deportiva do Condado na súa última edición do Festival de Poesía, a obra Entre leiras e labores e a selección en portugués A boca no ouvido de alguén.
Con tantos proxectos en marcha e sendo autónoma, a barbancesa pensa que é importante relativizar todo aquilo que pasa no eido profesional: «É vital ser responsable e consecuente no traballo, pero sei que no que eu fago non está en perigo ninguén».
Admite que a inspiración provén das súas propias experiencias vitais e que ter nacido en Boiro fíxoa crecer nunha realidade moi vinculada ao mar, pero tamén cunha grande conexión co mundo labrego. Cre que a xente da súa xeración viviu o auxe da tecnoloxía, pero que tamén lembra un mundo máis analóxico.