Acudirá coas súas ferramentas para solucionar calquera imprevisto que xurda nun percorrido que cualifica de doado
03 oct 2023 . Actualizado a las 14:40 h.Coa mesma ilusión que tiña o ano pasado por estas datas, desexando que chegue o día e que, como mínimo, se acade a cifra de entón, cando foron unhas seiscentas as persoas que se sumaron ao Día da Bicicleta en Boiro. Así encara Daniel Ríos as xornadas previas á gran festa das dúas rodas que se celebrará o vindeiro domingo. A el volveu tocarlle formar parte da organización e acudirá á marcha cargado de ferramentas, para atender posibles avarías e imprevistos.
—O percorrido será o mesmo da pasada edición, unha ruta apta para todos, non?
—Si, non fai falla ser un campión para completalo, porque ademais vanse facer paradas para descansar e recuperar forzas. Tampouco é unha competición, senón unha mañá lúdica de entretemento. Os rapaces son os que máis o gozan, aínda que os pais e os avós tamén. Só falta que nos acompañe o tempo.
—Cal é o gran aliciente da actividade?
—Aínda que se van sortear varios agasallos á chegada dos participantes á praza de Galicia, o gran aliciente é a bicicleta. É un regalo que atrae a moita xente, sobre todo aos máis pequenos, porque é unha BMX, unha modalidade que agora está en auxe. É como a segunda bicicleta que todos os afeccionados a este deporte queren ter na casa.
—Persoalmente, que é o que máis lle gusta deste día?
—O mellor da xornada é ver a cara de ilusión dos pequenos, que queren ser protagonistas e hai que andar a coidar deles para que non se desvíen. Só por iso xa vale a pena involucrarse na organización.
—Vostede estará listo para atender incidencias mecánicas...
—Si, a idea é atender aqueles pequenos incidentes que poidan xurdir. Tamén levaremos un par de bicicletas para causas de forza maior.
—Adoitan rexistrarse moitos imprevistos?
—Para nada, só algunha caída con pouca importancia. Hai que ter en conta que os rapaces se senten libres e hai que poñer a vista enriba deles. Sempre vai xente diante para frealos. Haberá, coma sempre, medios suficientes, incluso un microbús para recoller a aqueles que se vexan incapaces de rematar o percorrido.
—Está en auxe o ciclismo?
—Digamos que se estabilizou a demanda. Tralo confinamento rexistrouse un auxe importante e mesmo houbo problemas de subministro, pero agora volve a estar normalizado. É un deporte que non pasa de moda e os afeccionados adoitan ter dúas bicicletas na casa, unha de montaña e outra de estrada. Confiemos en que a xente siga apostando pola saúde e pola práctica de actividade física.