Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Alberto García: «Un pobo ten dereito a crear e os gobernos están obrigados a garantir os dereitos»

Ramón Ares Noal
Moncho Ares RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

O boirense cualifica o libro «A cultura é un dereito» como un manual de actuación para traballar no novo paradigma do eido creativo

29 oct 2023 . Actualizado a las 12:02 h.

Si en Boiro hai un rostro que pon cara á cultura ese é Alberto García Sánchez, Alberto de Boiro, que leva 24 anos traballando como técnico municipal. Estamos ante un profesional inquieto e dinámico, que recoñece o valor de todo o que é cultura, desde a actividade festiva ata a creativa, a rural e aquela outra que non se aprecia en feitos, pero si en valores. Por iso, Alberto de Boiro non cingue o ámbito da súa actuación no municipal, senón que o estende á universidade, ao movemento social, ás institucións e ata a empresa, e non conforme, espalla os criterios que guían a súa vida a través de xornadas e publicacións especializadas en xestión cultural.

Precisamente o libro A cultura é un dereito. Unha visión social da cultura, que se presentou no pazo da Torre de Goiáns no acto mensual de Barbantia a noite do venres, é unha recompilación de reflexións duns 150 profesionais que participaron nas xornadas co mesmo título que o volume e que dende hai cinco anos promove a área de Cultura da Deputación da Coruña. Contén así mesmo, 12 colaboracións específicas de profesionais que participaron nesas xornadas, e moito do propio Alberto de Boiro, que ademais de coordinar o libro, tamén deixou a súa pegada nun traballo que defende como un manual de actuación para afrontar os retos do novo paradigma creativo.

O acto foi presentado pola concelleira de Cultura de Boiro, María Outeiral, que fixo máis un perfil do autor que da obra en si, xa que ambos comparten departamento. Outeiral destacou que a cultura é un piar da sociedade e que Alberto entende todos os aspectos relacionados coa mesma, incluso o comercial. Sinalou que o técnico está a face un bo traballo, como se reflicte en colectivos e iniciativas que nos últimos vinte anos xurdiron ao amparo do centro social.

Suplemento Barbantia

En nome da Asociación Cultural Barbantia interviu Xoán Pastor Rodríguez, coordinador da entidade, que lembrou que o libro recolle cinco anos de traballo, proclamou a cultura como un dereito que pode asimilarse á sanidade e dixo que as reflexións que figuran na publicación constitúen un debate para o novo paradigma cultural. Lembrou, así mesmo, que este fin de semana saía o número 188 do suplemento A Voz de Barbantia, que cualificou como un medio para achegar a cultura á cidadanía.

Alberto García tivo ocasión de comprobar no mesmo acto que os seus máis de vinte anos de técnico cultural non foron en van, xa que o salón do pazo de Goiáns rexistrou un cheo nunha noite de chuvia e vento que podía disuadir á xente de acudir ao acto. Sentiuse arroupado pola súa familia, seus amigos, seus compañeiros de tarefas e as entidades que axudou a crear no Centro Social de Boiro. Explicou que o libro «fala da miña visión da cultura baseada na participación social», pero lembrou que non o fixo el só, senón que é un traballo colectivo.

O técnico municipal agradeceu o labor de Barbantia, que é unha entidade que demostra desde a súa constitución que se poden organizar actividades a nivel comarcal, máis aló dos localismos; destacou tamén a colaboración con La Voz de Galicia nese suplemento que é único; e referiuse ó propio pazo de Goiáns, un espazo que se está a converter en contedor cultural, e pediu un recoñecemento público para Pastor Rodríguez, que fai un traballo incansable e discreto a favor da cultura como coordinador de Barbantia, autor de diversas publicacións e director do Museo do Gravado de Artes, que acaba de recibir un premio da cultura galega.

Leis culturais

García falou da cultura actual, do cambio de paradigma que albiscaban cando empezaron coas xornadas A cultura é un dereito, pero recoñeceu que a cultura tamén ten que ser un recurso da economía, non obstante, advertiu: «Un pobo ten dereito a crear e os gobernos están obrigados a garantir os dereitos». A mensaxe reivindica un compromiso das Administracións para favorecer que a cultura chegue aos cidadáns, o que non quere dicir que a toda cultura teña que ser gratuíta.

Enumerou os pasos que xa se están dando a favor da aprobación de leis de dereitos culturais, que xa existen en varias comunidades autónomas e que o Goberno actual anunciou que se aprobaría unha a nivel estatal no caso de que se alcance un pacto de coalición progresista.

Natividad González Rodríguez, responsable de Cultura da Deputación, gabou a obra, ao propio Alberto de Boiro e a Barbantia, avogou por traballar na cultura das persoas e coas persoas e puxo ao organismo provincial a disposición de iniciativas como as xornadas A cultura é un dereito.

Pechou o acto o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, que lembrou que o sector da cultura estivo especialmente castigado pola pandemia, porén, foi grazas ao confinamento que a xente comprobou o importante que é socializar, e que se veu unha vez superada a crise coa asistencia masiva dos cidadáns aos actos. Recoñeceu que as Administracións teñen que dignificar o labor que se fai nos pobos a prol da cultura e destacou o bo funcionamento do departamento boirense.