Manolo Alonso, presidente do Club de Bolos Celtas de Boiro: «Calquera que queira vir xogar que non o dubide, hai moi bo ambiente»

Christopher Rodríguez
Ch. rodríguez RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

Manolo Alonso posa co seu xogo de bolos celtas no campo da Cachada, en Boiro.
Manolo Alonso posa co seu xogo de bolos celtas no campo da Cachada, en Boiro. MARCOS CREO

Pon en valor a práctica do deporte no décimo aniversario da entidade

01 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Boiro, en concreto, e Barbanza, en xeral, son dous dos grandes nichos dos bolos celtas en Galicia. Aínda que o deporte pasou mellores épocas décadas atrás, queda xente que loita por manter a práctica e estendela ás novas xeracións. Manolo Alonso (Boiro, 1983) é o presidente do Club de Bolos Celtas de Boiro, unha entidade que dende a súa fundación busca dar a coñecer un deporte que considera patrimonio cultural de Barbanza.

Como ve vostede a saúde dos bolos celtas na actualidade?

—O estado é mellorable. Cando eu empecei a xogar en Pomar do Río, que era o único sitio no se que se facía, para botar unha partida tiñas que esperar horas. Había que agardar ata o final do día cando xa non quedaba ninguén. Xogaba moita xente maior que xa non está. Foron pasando os anos, viñeron algúns xogadores novos e agora temos un grupo que se vai mantendo. Federados no club somos cerca de vinte persoas.

Por que cre que en Barbanza se mantén a tradición máis que noutros lugares?

—Porque na zona chegou a haber cerca de un centenar de campos de bolos celtas. Non deixa de ser un xogo ao aire libre. Nuns sitios xogábase ás bolas, á buxaina... e aquí tiñamos a posibilidade de xogar aos bolos celtas. Non desapareceu tan rápido como en outros lados. Antigamente os bolos gardábanse nas tabernas e, ao pechar, o xogo foise perdendo.

Como naceu o club?

É unha historia curiosa. Foi nunhas festas da Virxe do Carme de Cabo de Cruz. Resulta que un amigo meu publicou en Facebook que se ía facer un torneo de bolos celtas. Era moi típico na celebración. Ao velo viñeron uns compañeiros de Triñáns que estaban metidos na federación e convidáronnos a ir a un torneo en Nigrán. Gustounos e quixemos ir a máis, polo que tivemos que crear o club, que naceu no 2014.

Como encaran o seu décimo aniversario?

Pois con moitas ganas de seguir medrando. A semana pasada comezamos a liga desta temporada e foinos moi ben. A competición percorrera os concellos de A Pobra, Dodro e Boiro ata o final do ano, en principio.

Os bolos celtas poden resultar unha práctica descoñecida para algúns, como describiría vostede o deporte?

É unha pregunta difícil. Creo que paixón é a mellor palabra para describilo. Apaixonado cando lle das aos bolos e cando non tamén. É un subidón de adrenalina, imos a chamalo así. Ao final é un xogo de precisión e de forza, aínda que a potencia se control non serve de nada. Antes de lanzar a xente intenta desconcentrarche (ri), porque claro, todo inflúe. Tes que dar o mellor de ti.

E que lle diría a alguén que nunca xogou?

Que se ten ganas que se anime. Calquera que queira vir xogar que non o dubide, aquí sobre todo hai bo ambiente. Aínda que falle ao principio ou non o faga ben, non vai pasar nada porque seguro que se divirte moito.