A festa para celebralo foi tan grande como merecida
17 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Despois de catro anos de loitar na Preferente, e de sumar os esforzos e apoios de moitas persoas, o Club Deportivo Boiro é de Terceira. A festa para celebralo foi tan grande como merecida. Pero é convinte, por xustiza e sentido común, para que non se volvan a cometer certos erros, lembrar como se fixo este camiño tan duro.
Cando o domingo o árbitro pitaba o final do partido, a mente que máis descansou seguro que foi a de Marcos Martínez, como máximo responsable dunha xunta directiva que traballou moito e ben, que soubo sufrir e que tivo a perseveranza necesaria para cruzalo deserto, facendo unha milagre económica para saír do abismo e chegar ao saneamento, elemento clave para entender moitas decisións.
Pero neste fito tamén foron decisivos os xogadores, os corpos técnicos, os socios, o Concello e as empresas e negocios que apoiaron nesta travesía. E unha afección que é a envexa da categoría, pois aínda nos momentos máis difíciles seguiu animando ao equipo.
Agora toca encarar o segundo ascenso: contar cunha instalación acorde coa dimensión e significado do CD Boiro na comarca e en Galicia. Acorde coa masiva afluencia a Barraña. Este é o momento idóneo pois hai un equipo de goberno forte no Concello, unha xunta directiva avalada pola súa xestión, un club nunha situación inmellorable e, sen dúbida, moita necesidade dun estadio de referencia, que tamén poidan utilizar outros equipos.
O obxectivo parece estar claro e a confluencia de todos os esforzos nese sentido é obrigada, sen esquecer a achega que un complexo deportivo pode aportar a unha zona privilexiada deste concello. Por Boiro, para o Boiro e polo deporte.