















































A historia destas mulleres faise visible nun libro de Antón R. Gallardo
02 jul 2024 . Actualizado a las 14:33 h.No pasado, as mulleres tiveron un papel moi secundario no eido deportivo, debido tanto ao rol que a sociedade lle asignaba ao colectivo, limitado á vida privada, como á posición de marxinación á que eran sometidas. Por iso as pioneiras na materia teñen unha relevancia especial. Antón R. Gallardo quixo no seu último libro, presentado a noite do sábado na casa de cultura da Cachada, sacar á luz ás de Boiro, rescatando así do esquecemento unha parte máis da memoria feminina.
En Das pioneiras ás primeiras federadas, o autor visibiliza a historia do deporte feminino local no período comprendido entre os anos 20 do século pasado e o remate da ditadura franquista. Conclúe que a participación das boirenses na actividade física foi moi restritiva na primeira etapa, reducíndose ao eido do lecer. Así continúa ata os anos 60 e 70, cando algunhas veciñas practicaron deporte federado, concretamente o balonmán, e atrevéronse a xogar partidos amigables de fútbol: «Escasas experiencias para un período de medio século que, de calquera xeito, non desentoaba coa maioría de poboacións».
Antón Gallardo debullou na súa intervención as fontes de investigación que sustentan o seu traballo, referíndose á bibliografía empregada, pero destacando as coleccións familiares das que conseguiu fotografías e documentos, e a memoria oral que recolleu a través de entrevistas. Destas últimas, fixo fincapé nas testemuñas de Pilar Vázquez, xogadora e instrutora de balonmán nos anos 50 e 60; e Masita Silva e Josefina Sánchez, consideradas como as mellores xogadores dese deporte na época.
Testemuña real
No acto de presentación, o historiador boirense estivo arroupado por Vanessa Rial, antiga xogadora internacional de rugby, que desde a súa experiencia falou da evolución que experimentou o deporte feminino: «Houbo un gran avance desde a época retratada neste libro ata a actualidade, pero aínda temos que seguir loitando para mellorar as condicións de cara ás novas xeracións». Para argumentar a afirmación, relatou pequenas anécdotas que lle aconteceron: «Temos que seguir loitando contra os estereotipos, contra as etiquetas que nos poñen ás mulleres polo deporte que practicamos».
En nome de Barbantia, sumouse ao acto a súa secretaria, Milagros Torrado, que destacou o carácter didáctico do libro: «Danos a oportunidade de aprender da memoria viva para que as novas xeracións poida emular a estas mulleres que abriron o camiño. É un libro feminista, sobre romper barreiras». Tamén se deu cita en Boiro Clodio González, da Editorial Toxosoutos, encargada da publicación da obra. E pechou o alcalde, José Ramón Romero, referíndose á importancia do deporte e animando ao autor a seguir investigando e divulgando a historia da localidade.
A presentación literaria contou cun toque musical, que correu a cargo de Sonia Lebedynski e Gabriel Riveiro.