Festas de Boiro, volume dous

BOIRO

Nell

Fai xusto un ano escribía nestas mesmas liñas o que un boirense sinte cando chega a semana máis especial do ano no municipio

04 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Fai xusto un ano escribía nestas mesmas liñas o que un boirense sinte cando chega a semana máis especial do ano no municipio. Nesa ocasión dicía, e cítome textualmente: «As Festas do Verán de Boiro son as mellores de todo o Barbanza». Un ano despois, e a escasas horas de que volvan a dar comezo, alégrame poder reafirmarme. Sei que é algo moi categórico, pero o sentido de pertenza debe pesar á hora de facer valoracións.

Recuperar a ilusión daquel rapaz que toleaba por subir, como moito, a tres atraccións ao día. Volver a respirar a felicidade nos catro costados na vila. Ver Boiro, unha vez máis, cheo de vida fai que afirme que son as mellores do Barbanza. A Dorna, A Guadalupe ou o Carme dos Pincheiros poden ser nomes que veñen á cabeza xunto con múltiples argumentos polos que poderían ser mil veces superiores. Porén, eu prefiro vivir as celebracións boirenses como se fosen o maior evento do ano en toda a comarca. Senón lle damos importancia os da casa, quen lla vai dar?

Trala publicación do cartel das festas deste ano saíron moitos críticos locais debido a ausencia de orquestras de maior entidade. Malia todo, como nos mellores fogares, a conclusión é que nunca vai chover a gusto de todos.

Ao igual que na miña primeira loa ás Festas do Verán, o importante é convidar a todos os veciños da bisbarra a que se acheguen e que disfruten dunhas agradables xornadas con familia e amigos. Xa nos tocará aos de Boiro coller o coche e ser foráneos nunhas celebracións que seguro son ás mellores do Barbanza para todos aqueles que as viven con sentimento de pobo.