Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Morte no cruceiro de Pazos

milagros torrado

BOIRO

CEDIDA

En 1923, un home tolo de amor matou unha rapaza que non lle correspondía e quitouse a vida fronte á cruz

28 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende o punto de vista da arquitectura relixiosa, a parroquia de Cespón (Boiro) é coñecida pola súa fermosa igrexa románica adornada con canzorros na ábsida, unha representación das ánimas do purgatorio no lateral esquerdo e posuidora dun fermoso baldaquino gótico. Incluso ten un milagre rexistrado (esa historia quedará para outro día). Non podemos esquecer tampouco o marabilloso calvario de san Roque, erguido e robusto a vixiar os bailes no campo da festa dende finais do século XVI. Claro que se nos poñemos a falar de cruceiros e cruces de pedra, imos atopar máis xoias por esta parroquia. Aparécennos en moitas das súas encrucilladas, pasos de vivos e mortos dende hai séculos, moitos cunha historia que contar non só relacionada co culto cristián e case sempre por algunha desgraza.

Neste percorrido polos cruceiros de Cespón, toca hoxe  visitar o lugar de Pazos, onde unha cruz sinxela de metal acompaña o cruceiro erguido alí en 1915. Trátase dun cruceiro do máis tradicional, con Cristo na cruz por un lado e a virxe María polo outro sobre unha base de dous chanzos. Mandárao facer a devota Ramona Ryvas Muñiz e os seus fillos. Pero a  outra cruz nada ten que ver coas intencións de dona Ramona, pois é testemuño dun suicidio acontecido cabo del no ano 1923. 

El tiña 28 anos e estaba tolo de amor. E digo tolo e non namorado porque non aceptaba a negativa que a rapaza lle daba cada día. Era tal a obsesión que o mozo tiña, que chegou ela a dicirlle que xa fora doutro home para que a deixase de cortexar e perseguir. Pensemos o que iso significaba para a época. Pero a el non lle importaba, tiña que ser súa ou de ninguén máis. Un día, canso de tanto rexeite e decidido a impedir que outro estivese a carón da súa amada, colleu unha pistola e, sen dubidar, dirixiuse á leira na que ela traballaba coma decotío. Dun tiro, atravesoulle o peito e deixouna alí por morta.

¿Remorsos ou medo?

Ante o feito, os remorsos medraron na súa conciencia, como pasa en tantas ocasións nas que a violencia de xénero enche titulares a día de hoxe. Ou se cadra foi o medo ao castigo. Fose cal fose a razón, chegou ata o cruceiro de Pazos e, non sabemos se por pedir  perdón a Deus polo que acababa de facer, usou  aquela mesma pistola coa que arrebatara a vida do seu amor para el mesmo e morreu aos pés da ollada do Cristo crucificado. Alí lle puxeron esa cruz para espiar os seus pecados e lembrar a traxedia da violencia de quen non sabe querer. 

A día de hoxe xa ninguén lembra esta historia de primeira man. Nin tan sequera toda a xente de Cespón sabe por que está alí esta cruz e o que representa. Teño que dicir que a miña fonte foi totalmente fidedigna. Alá polo 2009, recollendo datos sobre cruceiros do concello de Boiro, unha muller de 87 anos, sentada á porta da casa, preguntoume se sabía por que había alí dúas cruces. Ela coñecía ben a súa historia porque aquela rapaza que quedara na leira co peito atravesado polos celos violentos do seu agresor non era outra que súa nai. Si, non morrera. Malferida e dada por morta, sobreviviu e puido ter unha vida e unha familia froito dun amor de verdade.

A cruz de ferro lembra a traxedia que se viviu en Cespón